Pois ben, logo de denuncialo na prensa, notificalo á empresa por escrito en varias ocasións, así como ter informado ós diferentes comités que velan polo cumprimento, comezamos a ter os primeiros resultados, neste caso en Ourense, coa resolución de Inspección de traballo.

Así na denuncia, aparte de presentar como parte da denuncia o incumprimento xeneralizado dos plans de acción, tipificamos as faltas de maior gravidade sobre os traballadores e traballadoras do SPDCIF.

Na resolución da denuncia presentada pola CIG, infórmase que se mantivo comparecencia co xefe provincial do SPDCIF de Ourense, e que se lle fixo requirimento para que no prazo de dous meses se corrixa o seguinte:

  • Facilitar información sobre os plans de acción e as fichas f-01 (que informan de como atenuar os perigos en cada acción analizada) a plantilla do SPDCIF en Ourense.
  • Se corrixa a ausencia do almacenaxe de comida non perecedoira para as brigadas, protección das substancias combustíbeis nos vehículos, equipos de respiración de emerxencia, sistemas de comunicación e formación en condución todo terreo (lembramos que nos plans de acción recollese a necesidade de que todos os compoñentes das brigadas deben ter equipo de comunicación individual, así como equipos de respiración de emerxencia por unidade de actuación).

A propia resolución indica que no prazo de dous meses procederá a verificar si se acometeron estas correccións.

Dende a CIG valoramos moi positivamente esta resolución e estaremos vixiantes para que este apercibimento torne en feitos, e así dunha vez por todas, Medio Rural se tome en serio o cumprimento duns plans deseñados e pagados por eles mesmos, onde o seu incumprimento compromete a integridade física dos seus traballadores e traballadoras. A CIG non vai a parar ate acadar o cumprimento duns plans, que aínda que son moi mellorábeis, son de obrigado - e imprescindíbel - cumprimento.