Saúde laboral

O 16 de febreiro a CIG presentou unha denuncia perante Inspección de Traballo e Seguridade Social de Ourense denunciando que a AMTEGA se nega a aplicar as medidas contempladas no Plan de Acción. Aos poucos días, o 22 de febreiro, acudiu inspección ao centro de traballo da AMTEGA en Ourense.

Xa recibimos a contestación de inspección de traballo, onde fan un requirimento aos responsables da Xunta de Galicia para que, no prazo de dous meses, solucionen as seguintes deficiencias:

  1. Espazo de traballo: As dimensións dos locais de traballo deberán permitir que os traballadores realicen as súas tarefas sen riscos para a seguridade e saúde e en condicións ergonómicas aceptables. Deberán gardarse distancias de separación suficientes entre os elementos materiais que permitan aos traballadores desenvolver comodamente o seu traballo. O espazo destinado ao posto de traballo deberá ter unhas dimensións idóneas e facilitar a mobilidade do usuario. Retiráranse caixas e equipos das zonas de paso, así mesmo, non se realizarán almacenamentos en áreas non habilitadas para tal efecto.
  2. Iluminación: A distribución dos niveis de iluminación será o máis uniforme posible. Manteranse uns niveis de iluminación acomodados as esixencias visuais das tarefas que se desenvolvan, evitando que se produzan variacións bruscas da iluminación dentro da zona de traballo e entre esta e os seus arredores. Revisaranse as luminarias artificiais repondo as que se atopen avariadas.
  3. Ruído: Realizarase unha medición dos niveis de ruído nos postos de traballo; de acordo aos resultados desta medición tomaranse as medidas preventivas pertinentes.
  4. Medios de extinción: Debido a cantidade de equipos electrónicos existentes, recoméndase reforzar os medios de extinción coa incorporación doutro equipo con axente extintor CO2.
  5. Exposición a produtos químicos: tóner. Solicitaranse ao subministrador as fichas de datos de seguridade do tóner, póndoas a disposición dos traballadores, e instándoos a seguir as indicacións de seguridade. Dotarase aos traballadores dos equipos de protección individual indicados nas fichas de datos de seguridade. Formaras e informarase aos traballadores sobre o uso de equipos de protección individual.

Neste centro de traballo non se respectan as medidas preventivas mínimas que garantan a seguridade, a saúde e a propia vida das persoas que nel se encontran. Non porque o digamos nos... xa o dixo a técnica de prevención de MUGATRA no Plan de Acción de 2016 e agora confírmao inspección de traballo.

Contigo e coa CIG, a loita continúa!