1.-Avaliación de Riscos

•    Comunicamos que nas avaliacións de riscos non se recollen, de xeito sistemático, máis que os riscos xenéricos; non contemplando riscos específicos tales como: os biolóxicos, os psicolóxicos, o traballo de campo, o traballo en illamento, o traballo en quendas, a coordinación de actividades, ademais de non incluír a perspectiva de xénero, tal e como ven recollido nos compromisos da Política de Seguridade e Saúde Laboral, da Xunta.


•   Advertimos que non existe seguimento da implantación do Plan de Acción, polo que as medidas correctoras non se cumpren e os riscos seguen a ser os mesmos ano tras ano, co perigo para a saúde que iso conleva para os traballadores e traballadoras.


•    Chamamos a atención sobre o incumprimento reiterado da obriga de informar e formar os traballadores e traballadoras sobre os riscos inherentes o seu traballo; as avaliacións de riscos quedan así nun mero cumprimento da lexislación.


•    Transmitiuse as dificultades que algúns delegados e delegadas de prevención da CIG teñen para recibir as comunicacións e mesmo para poder asistir as avaliacións de riscos.


•    Pedimos que a resolución de Inspección de Traballo que obriga a Xunta a facer a avaliación de riscos en tódolos postos dos distritos forestais  de Ourense,se faga extensible a tódalas provincias para cumprir ca legalidade vixente.


2.-Comités de Seguridade e Saúde

•    Insistimos na obrigatoriedade de  convocar os Comités. A Lei de Prevención de Riscos Laborais establece a obrigatoriedade de que os CSS se reúnan mínimo unha vez cada tres meses. Sen embargo, ano tras ano estase a incumprir este punto da normativa e, por tanto, lesionando o dereito dos traballadores e traballadoras en materia de prevención.

•    Naqueles casos nos que os temas a tratar sexan complexos, expoñemos a necesidade de crear Grupos de Traballo, ben provinciais ou por centros, para desenvolvelos.


•    Pedimos que se facilite o traballo dos delegados e delegadas de prevención coordinando as visitas os centros a nivel autonómico, de xeito que non coincidan a vez en disinto lugares o mesmo día e a mesma hora.


3.-Vixilancia da Saúde

•    Pediuse que os recoñecementos médicos sexan específicos segundo o traballo desempeñado e ca aplicación dos protocolos axeitados; e que estes atendan ás necesidades de saúde e peculiaridades  dos traballadores e traballadoras.


•    Solicitamos que se facilite a asistencia aos recoñecementos médicos para todo o persoal, especialmente para aquel que non ten o seu destino nos edificios administrativos. A maiores fixemos fincapé, como un obxectivo a perseguir, o fomento de  saúde no traballo.


4.-Servizo Prevención Alleo (Mutua)

•    Insistimos en que a Mutua  preste unha correcta atención aos traballadores e traballadoras, e entre outros, non deriven a asistencia a Seguridade Social, informen claramente dos servizos que deben prestar e faciliten  informes da asistencia prestada.