Na provincia da Coruña, por exemplo, os traballadores e traballadoras de Ortigueira, As Pontes e Cariño teñen que desprazarse pola súa conta a Ferrol, carecendo de transporte público axeitado ao horario das citas. Dende o punto de vista empresarial tampouco esta medida é moi beneficiosa dado o tempo que se perde, en horario de traballo, nos desprazamentos.

Segundo a lexislación vixente en materia de prevención de riscos laborais, a vixilancia da saúde é un dereito dos traballadores cuxo custo debe ser asumido pola empresa. Así o dispón tamén a propia regulamentación da Xunta de Galicia en aplicación  para o seu persoal. Polo tanto, correspóndelle a Xunta facilitar o exercicio dun dereito que nos corresponde como traballadores e traballadoras, sen que isto supoña un gasto adicional.

Dende a Xunta de Delegados/as de Persoal da Coruña deuse traslado xa en decembro desta problemática ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais pero a día de hoxe este aínda non deu ningunha resposta positiva. Dende a CIG-Autonómica, e conscientes de que esta problemática se estende ao resto de provincias galegas, reclamamos que para os recoñecementos médicos non realizados nin citados ata o momento (por exemplo o persoal dos centros educativos) e para os sucesivos anos, se tomen as medidas oportunas co fin de que o persoal da Xunta de Galicia que traballa en localidades pequenas poida realizar os recoñecementos en igualdade de condicións que o que traballa nas cidades.