Desde a CIG solicitamos a convocatoria do comité para tratar diversos problemas do edificio administrativo en Ourense. Finalmente, o 18/12/2018 reuniuse o comité despois de dous anos sen reunirse. Os únicos temas que se trataron foron os solicitados pola CIG:

  • Na programación da avaliación de riscos para 2018 estaba prevista a revisión do edificio administrativo de Ourense. Preguntamos o motivo polo que non se fixo esta revisión e responden por estar vacante a sección de PRL en  Ourense e que o posto está ofrecido para cubrir por comisión de servizos. Inquirimos os motivos de non cubrirse antes o posto (leva vacante máis de 6 meses) e que pasará se ninguén o solicita (o máis probable). Resposta: chamarán de listas.
  • En canto as reclamacións polas condicións do persoal do terceiro andar (cultura), dinnos que o tema está parado polo cambio da estrutura da Xunta.
  • Hai meses o delegado de prevención da CIG avisou dun problema de seguridade no sistema de peche dos ascensores. Reiteramos o aviso na reunión do comité e tras volver falar cos técnicos de mantemento do ascensor, e detectarse un posible problema de seguridade, van examinar cales son as medidas que se poden adoptar para eliminar ou, polo menos, minimizar o risco.
  • A DIRECTIVA 2013/59/EURATOM, que entrou en vigor o  6 de febreiro de 2018, establece a obriga da administración de realizar medicións de gas radon en lugares de traballo situados en áreas de risco. Delegados da CIG solicitamos, xa hai meses (24/01/2018), medicións de gas radon nas distintas dependencias da xunta en Ourense, incluído o edificio administrativo. Para responder a isto, asistiu unha persoa desde Santiago (a sección de PRL de Ourense está vacante). En resumo, o que dixo é que, mentres non se faga a transposición da directiva europea á lexislación española, non hai obriga legal de facer as medicións, así que non se van facer.
  • O Real decreto lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social establece no seu art. 22 que:

    “As persoas con discapacidade teñen dereito a vivir de forma independente e a participar plenamente en todos os aspectos da vida. Para isto, os poderes públicos adoptarán as medidas pertinentes para asegurar a accesibilidade universal, en igualdade de condicións coas demais persoas, nos contornos, procesos, bens, produtos e servizos, o transporte, a información e as comunicacións, incluídos os sistemas e as tecnoloxías da información e as comunicacións, así como nos medios de comunicación social e noutros servizos e instalacións abertos ao público ou de uso público, tanto en zonas urbanas como rurais”.

    Solicitamos á Xunta ás adaptacións necesarias para facer efectiva a  accesibilidade universal no edificio administrativo de Ourense.
  • Ante o próximo traslado do persoal da AMTEGA en Ourense ao sexto andar do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ourense, para evitar problemas e posteriores denuncias a inspección de traballo, solicitamos unha avaliación de riscos previa á incorporación dos traballadores.
  • Trasladamos, unha vez máis, ao comité diversas queixas do persoal de rexistro en canto as condicións de traballo. E unha vez máis, solicitamos que lle proporcionen ao delegado de prevención de riscos da CIG a última avaliación de riscos e plan de acción do persoal de “Información e rexistro”.

En con isto rematou a reunión do comité no que só interveu o delegado de prevención de riscos da CIG e os representantes da Xunta. Esperemos que o comité non tarde outros dous anos en reunirse.