Porén, a Consellaría do Medio Rural nin atendeu a súa petición nin lle fixo tampouco os recoñecementos médicos periódicos obrigatorios -e específicos na súa condición de especial sensibilidade-, malia telos solicitado o propio axente. Agora o xulgado recoñece a responsabilidade da Xunta neste accidente, incidindo en que "non se pode considerar que a Consellaría actuara de forma dilixente na protección da saúde do traballador".

A raíz deste suceso, a CIG demandou unha investigación para aclarar os feitos e presentou denuncia na Inspección de Traballo, que emitiu varios requirimentos e advertencias a Medio Rural para a mellora das medidas preventivas na extinción dos incendios forestais e a salvagarda da seguridade e a saúde dos traballadores/as que participan nestas tarefas.

Medio Rural segue sen mellorar as medidas de prevención e de seguridade

Disto hai xa case catro ano e, non obstante, neste tempo a Consellaría non adoptou ningún tipo de medida para garantir a seguridade do seu persoal. A día de hoxe non temos plan de prevención, nin protocolos adecuados de evacuación nos incendios. Neste senso, o pasado venres houbo un accidente no lume do Boiro, pero como a ambulancia non conseguiu chegar até o lugar, houbo que improvisar no momento como trasladar a persoa ferida.

A CIG leva anos demandando da Consellaría do Medio Rural a implantación de plans e protocolos para afrontar este tipo de situacións de risco, que no caso de Enrique Casanova foi especialmente relevante ante a evacuación desastrosa (así cualifica o informe da Inspección) que se produciu. De igual xeito, a central sindical reclama que se evite o illamento do persoal que participa nos incendios e que, como mínimo, se traballe en parella e non en soidade como ocorre cos/as axentes forestais, condutores/as de motobomba ou persoal técnico.

Doutra banda, a CIG pide que se dispoña de servizos sanitarios desprazados nos incendios forestais para garantir unha rápida e eficaz asistencia médica. E por suposto, que se cumpra coa avaliación de riscos e se teña en conta a saúde do persoal en relación co posto que desempeña, contemplando unha segunda actividade para aqueles traballadores e traballadoras con antecedentes de saúde incompatíbeis cos labores de extinción.

Desde a CIG levaremos este sentenza e os puntos que se resaltan nela aos comités de seguridade e saúde de Medio Rural e Extinción de Incendios para que se melloren as medidas preventivas na extinción e se eviten situacións futuras como as acontecidas no accidente do compañeiro Quique Casanova.