A vixilancia da saúde é un dereito do persoal traballador recollido no artigo 22 da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais. Dende a CIG-Autonómica vimos demandando que, tal e como recolle a lei, a vixilancia da saúde sexa realizada en función dos riscos inherentes ao posto de traballo e non de forma xenérica. Por exemplo, as consecuencias sobre a saúde dos riscos inherentes a un posto administrativo se vixiarían de forma máis eficiente a través de análises de doencias muscolo-esqueléticas e non a través dunha aspirometría, un electro ou unha analítica de sangue. Non é que unha analítica de sangue non sexa importante facela unha vez ao ano, pero a orixe da vixilancia da saúde é analizar as consecuencias que os riscos do noso posto teñen na nosa saúde, e os riscos dos postos administrativos non alteran o colesterol, o azucre ou as transaminasas hepáticas, p.ex.

A inscrición previa realizarase unicamente de forma telemática a través do formulario que se atopa na páxina web do Servizo de Prevención de Riscos Laborais. Trala modificación introducida pola Resolución de 25 de marzo de 2009 (DOG do 2 de abril) o prazo de inscrición rematará o 30 de abril, agás persoal de nova incorporación e persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde. Toda inscrición xerará un xustificante do consentimento que se deberá presentar o día concertado posteriormente, a través das citacións, para realizar a vixilancia da saúde.

A pesar da nosa insistencia para que tamén se puidera facer a solicitude vía papel co obxecto de facilitar a inscripción do persoal traballador con dificultades de acceso ás novas tecnoloxías, de momento non aceptaron e así aparece reflectido na publicación da resolución no DOG. Aquelas persoas que poidan ter complicacións deben comunicarllas ao Servizo de Prevención de Riscos Laborais (981.54.49.00)