Saúde laboral

A Consellería do Medio Rural e do Mar, comunica que xa se poden consultar os resultados das probas físicas e de agudeza visual celebradas os días 11, 12 e 13 de maio de 2015, na páxina web da Consellería do Medio Rural e do Mar: http://www.medioruralemar.xunta.es (NO APARTADO DE AVISOS, FORESTAL) ou na seguinte ligazón:

http://www.medioruralemar.xunta.es/nc/areas/forestal/incendios_forestais/probas_fisicas_e_de_agudeza_visual/

Recibimos convocatoria da Subdirección Xeral de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais para xuntanza do Comité de EPIS para extinción (Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais). Dita xuntanza terá lugar o día 30 de Abril de 2015 ás 10:00 horas nas dependencias da Subdirección Xeral de Incendios.

A orde do día é o seguinte:

  1. Aprobar as derradeiras actas (remitiranas antes da xuntanza).
  2. Borrador do prego técnico.
  3. Folla de ruta para o concurso das botas.
  4. Rogos e preguntas.

Se queres aportar algo, estamos á túa disposición no correo autonomica@cigadmon.gal

Despois da interposición dunha demanda no xulgado por parte de CIG e CCOO, por fin da comezo a campaña de vixilancia da saúde do persoal non docente dos centros de ensino (persoal funcionario e laboral), moitos meses despois de que comezara a campaña do persoal funcionario docente.

O prazo de inscrición será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación no web de educación, é dicir, dende o 24 de abril ao 3 de maio.

Ver a resolución da Secretaría Xeral Técnica.

Inscrición on-line.

Publicada no DOG do 2 de febreiro a campaña de vixilancia da saúde para o ano 2015 para o persoal da Administración xeral da Xunta de Galiza. Deste xeito ábrese o prazo para solicitar o recoñecemento médico voluntario.

O prazo de inscrición vai do 3 de febreiro ao 4 de marzo. As solicitudes fanse de xeito telemático dende o web do Servizo de Prevención de Riscos Laborais: http://www.xunta.es/prevencion-de-riscos-laborais

Criticamos as tachas de carácter económico que puxeron nesta campaña para acceder ás mamografías e ecografías de mamas. Así, aquelas traballadoras que superen a idade marcada, terán que facer as probas a través do programa do SERGAS. As que non superen a idade, só poderán realizar estas probas se hai unha xustificación do seu xinecólogo.

O persoal que presta servizos en educación terá que agardar, pois inda que os docentes xa están en plena campaña de recoñecemento médico, o persoal de administración e servizos semella ser diferente a ollos da Administración. Segundo a nosa información, o pliego de adxudicación está pendente da Asesoría Xurídica da Xunta. Agardamos que o convoquen dentro do curso escolar, pois a anterior campaña foi de xullo-2013 a xullo-2014.

Nesta nova xuntanza do CSSL MR celebrada o 15 de outubro de 2014, onde con cambios e ausencias notables dentro da administración,dende a CIG seguimos a loitar por mellorar as condicións de traballo do numeroso persoal desta consellería, unha das que presenta máis accidentes laborais. Centrámonos en pechar e tratar de dar solución a propostas e denuncias anteriores.

No calendario de centros avaliados seguimos a atopar deficiencias no aviso aos delegados e delegadas para poder acudir ás visitas ademais do coñecemento previo do documento de  avaliación de riscos laborais para comprobar que se aplicaron as medidas preventivas adecuadas. A proposta de avaliación de riscos laborais de novos centros para o 2015 podemos achegalas ate o 24 de outubro, e dende a CIG imos seguir a xuntar esforzos naqueles centros onde os postos aínda non foron avaliados nas súas funcións (especialmente as “de campo”), así como aqueles que presentan deficiencias graves. Podes achegarnos as túas denuncias e propostas aos enderezos que xuntamos embaixo.

Inclúese no Plan de Formación o carné de manipulador/a de produtos fitosanitarios para todo o persoal de medio rural que realiza tarefas con estes produtos e que aínda non teñen a cualificación, obrigatoria a partir de 2015.

Trala denuncia e análise da numerosa maquinaria sen homologar nos centros de formación acordase instar as persoas responsables dos centros que regularicen a maquinaria para que poda ser empregada e se de de baixa e retire aquela en desuso ou sen posibilidade de homologación. Debémonos negar a empregar maquinaria sen homologación, igual que conducir sen ITV !

Denunciamos dende a CIG que parte dos vehículos contratados por aluguer durante o 2012-2013, non chegaron aos seus destinatarios, axentes forestais e outro personal de campo, quedando en SSCC en servizos e xefaturas de distritos mentres que seguen en circulación e acudindo á extinción de incendios forestais vehículos de mais de 300.000 km!!

Reclámanse tamén cuestións dende tódalas organizacións como a protección contra as carrachas (trasmiten enfermidades graves), a limpeza das bases de incendios, a avaliación completa e competente do persoal adscrito aos distritos forestais, a provisión de roupa e calzado ao persoal fixo-discontinuo, roupa de axentes forestais e regulación normativa do uniforme...

Resumo do tratado e acordado na xuntanza do grupo do CSSL da CMATI para o tratamento da roupa e uniformidade da Dirección Xeral de Conservación da Natureza:

  • Solicitamos a dotación de roupa tamén ao persoal técnico que fai labores de campo pero dixeron que polo de agora so ían cubrir roupa segundo convenio no persoal laboral polo que demandamos os resultados avaliacións de riscos para a determinación da necesidade destes EPIS.
  • Tivéronse en conta moitas das propostas aportadas nos pregos e na xuntanza pola CIG.
  • Acéptase unha diferenciación mais notable na roupa (forma) e cor entre o persoal laboral e funcionario.
  • Cambiase de xeito definitivo a camisa por polo, e acordase a demandada regulación do uniforme e das escalas de axentes  forestais e facultativos medioambientais para o que se comprometen a ter unha nova xuntanza en setembro desta mesa de traballo. tamén a Vicesecretaría Xeral se compromete a  activar á Comisión de Seguimento do Acordo.
  • Acordase unha mellora da calidade da roupa da que viña inicialmente no prego, unha dotación bianual para roupa de inverno de axentes e unha complementaria de verán nos anos intermedios.
  • O material complementario necesario como cubrepantalóns, roupa de embarcación, chalecos ou roupa para alta montaña, gorras, luvas...realizarase dende os servizos provinciais e a petición farase dende os distritos.
  • Así mesmo mantense dende a administración o compromiso de reposición (sorpresa! A alguen lle repuxeron algo?) por desgaste ou rotura de prendas para o que se prevé un stock na Vicesecretaría Xeral da CMATI. Pídese unha garantía de calidade nas prendas e nas botas que de non cumprirse daría lugar a devolución das prendas e reposición (no prego do concurso)por parte da empresa.
  • Solicítase a inclusión dun representante dos traballadores no proceso concursal.

No desenvolvemento do último comité de seguridade e saúde laboral de Medio Rural celebrado o 22 de xullo de 2014, tomáronse os seguintes acordos:

Trala parálise que ten sufrido este comité encargado de velar pola seguridade e saúde dos traballadores da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, o 17 de xullo constitúese un novo comité no que se renovan os representantes por parte da administración, se elixe Presidente (vicesecretario xeral da consellería) e a Secretaría queda nas ooss (CSIF).
Destacar a ausencia de representantes por parte do Servizo de Prevención propio da Xunta de a Galicia (SPRL) ou alleo (Mugatra).

Trátanse ademais cuestións reclamadas dende hai tempo dende a CIG, como:

AVALIACIÓN DE RISCOS DOS POSTOS ADSCRITOS AO SERVIZO DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA e posta en marcha do Plan de Acción. Ao non estar o Servizo de Prevención, non saben dar unha resposta clara da programación das avaliacións pero recoñecen a ausencia de avaliación dos postos por RPT na CMATI.

No DOG do 25/02/2014 publícase a resolucións pola que se lle dá publicidade á campaña de vixilancia periódica da saúde para o ano 2014 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galiza. Desta volta aparece un pouco máis escondida do habitual xa que se publica na sección de "anuncios" e non na de "outras disposicións".

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento que está dispoñible na páxina web da Xunta de Galicia. O prazo de inscrición rematará transcorrido un mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás para o persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

En concreto, o Departamento de Avaliación de Riscos está a mandar un correo elctrónico no que comunica que "O prazo de inscrición para a campaña de vixilancia da saúde comeza mañá día 26 de febreiro ás 8:00 "

Esta campaña é aplicable a todas as traballadoras e traballadores da Xunta de Galiza agás ao persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.

Logo de máis de 6 anos co mesmo uniforme de traballo con apenas unha ou duas raquiticas reposicións (un pantalón, dous polos e un par de botas) por parte das consellerias de  Medio Rural do Mar e de Medio Ambiente Territorio e Infraestructuras, temos que lembrarlles de novo que este uniforme é a roupa, calzado e material que, á vez que nos protexe dos factores de risco do traballo (climatoloxía, biolóxicos, tóxicos, térmicos…), nos identifica como funcionarios/as (axentes da autoridade) da Xunta de Galiza perante os cidadáns.

Consideramos que esta deixadez e improvisación a hora de dotar de medios de traballo e equipos de protección individual (EPI) aos axentes forestais esta dentro da estratexia do goberno galego da venda e destrución do Pais e constitúe un paso máis en contra da defensa do patrimonio forestal e natural así como do desenvolvemento do rural.