Todas as novas

Ao igual que cos demáis asuntos que foron á Mesa Xeral do 7 de xuño, co Decreto de funcionarización do persoal laboral fixo tampouco houbo negociación colectiva (seguramente si negociaron con CCOO e UGT). Ata nos fixeron entrega dunha nova versión do decreto na propia Mesa Xeral que, evidentemente, foinos imposíbel poder estudala sobre a marcha. Non é aceptable que pretendan despachar un asunto que afecta a máis de 7.000 persoas sen unha negociación máis pausada, polo que reclamamos a retirada do asunto da orde do día da Mesa Xeral. O director xeral de Función Pública negouse a retirar o asunto, limitándose a comprometerse a termos unha xuntanza monográfica para tratalo. E mentres a CIG denuncia a falta de negociación, algún sindicato esmérase en facer unha deliciosa oda ás bondades do decreto.

Entre os múltiples problemas expresados pola CIG subliñamos:

  • A funcionarización ten que ser un proceso que comece pola convocatoria de concurso de traslados, procesos selectivos, negociación das condicións económicas e finalmente a funcionarización. A Administración vai comezar polo que debería ser o último paso.
  • Non á funcionarización sen recoller os dereitos establecidos polo convenio colectivo, e estendelos a todo o persoal, funcionario e laboral. Por exemplo, a recuperación do artigo 19 do convenio e a promoción interna a calquera grupo. Se fai falla, que modifiquen a Lei do emprego público de Galiza.
  • Preguntamos que pasa co persoal laboral fixo que superou a oposición cunhas condicións de titulación determinadas, e agora, cos novos requisitos, non cumprirían. É precisa unha revisión dos requisitos de titulación que esixen ás escalas.
  • Non é aceptábel que se produzan desequilibrios nos trienios entre os antigos e novos funcionarios, polo que reclamamos a suba dos trienios mínimos dos actuais funcionarios para igualalos aos do persoal laboral.
  • Que fagan as xestións necesarias co goberno do estado encamiñadas a ampliar os dereitos de xubilación parcial, e que tamén entre o persoal funcionario.
  • Queremos saber os prazos para a funcionarización.
  • Preguntamos pola devolución da carreira a quen non se funcionarice (algún sindicato afirma que non vai pasar nada). Queda claro que quen voluntariamente non se presente ou suspenda, vai ter que devolver as cantidades cobradas de carreira.
  • Sendo o complemento de funcionarización non absorbible, agás incrementos de retribucións complementarias, preguntamos se o complemento de funcionarización vaise comer ao complemento de carreira, co que a o cobro deste último xa non tería tanto interese como chantaxe para forzar á funcionarización. O director de Función Pública, despois de pensarse a resposta, dixo que tiña que consultalo pero que opinaba que non. A pregunta resultoulle incómoda. Non queda nada claro que non sexa así e por tanto, o gancho do cobro da carreira, sexa algo de fume.

Tras dous meses sen dar sinais de vida, fomos convocados a discutir a RPT de Medio Ambiente, a de Medio Rural, a do IGVS, do IET, de Facenda e do GAIN. Seis RPTs, a maiores do protocolo para a prevención de situacións de acoso laboral e outras discriminacións no traballo, e da proposta de Decreto de funcionarización do persoal laboral fixo.

Todo ese contido quixeron despachalo entre a Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos do venres 7 de xuño, e unha xuntanza previa o día anterior. Un enorme volume de documentación sen tempo para estudala, ao que engadiron nova documentación achegada durante as propias reunións. En definitiva, unha fraude á obriga de negociación colectiva que recolle a lei, polo que exploraremos a viabilidade de medidas xudiciais.

A previsión é a seguinte:

  • O mércores 12 de xuño haberá unha Comisión de Persoal onde aprobarán o seguinte: protocolo de acoso laboral, RPT de Facenda, RPT do IET e RPT do Medio Rural.
  • O resto, queda para unha seguinte Comisión de Persoal.

RPT MEDIO RURAL

Unha RPT moi grande chea de erros. A consellería, para alegrarnos o día, enviounos o xoves 6 de xuño a resposta ás alegacións que presentaramos, á mesma hora á que estabamos reunidos con Función Pública para discutir as RPTs. Ante a inxente cantidade de documentación que tivemos que estudar en poucas horas, foi imposíbel prestar a máis mínima atención ao que nos enviaron a última hora. En definitiva, unha falta de respecto á negociación colectiva.

Función Pública convocou unha Mesa Xeral de Negociación de Empregados Públicos para o venres 7 de xuño, e unha xuntanza previa á Mesa para o xoves 6. Estes son os asuntos da orde do día:

A Mesa Xeral do venres 7 vai ser a sétima Mesa do ano: houbo tres en febreiro e outras tres en marzo. Dous meses e pico despois da última, convocan unha xuntanza excesivamente densa pola cantidade de RPTs que se van tratar. É dicir, que volven a utilizar a táctica de sobresaturar aos sindicatos con exceso de materia e falta de tempo para que sexa imposíbel traballar adecuadamente e, sobre todo, para impedir reaccións desagradables.

A Xunta de Persoal é o órgano de representación colectiva dos funcionarios dos Servizos Periféricos da Comunidade Autónoma de Galicia en Ourense. A súa función principal é defender os intereses tanto individuais como colectivos dos funcionarios de Ourense.

O día 5 de xuño constitúese a Xunta de Persoal cos novos delegados elixidos nas eleccións sindicais de 11 abril de 2019 e procédese a escoller ao presidente e secretario.

A EGAP vén de convocar un curso monográfico estruturado arredor dos seguintes contidos:

  • A Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable: antecedentes, obxectivos e metas.
  • Os 17 obxectivos para o desenvolvemento sustentable (ODS) como reto e oportunidade para as administracións públicas: implementación da Axenda 2030.
  • Alianzas e coordinación na Xunta de Galiza para conseguir a Axenda 2030: a Comisión Interdepartamental.
  • A Axenda 2030 en Galiza: diagnóstico do ámbito ambiental.
  • Cooperación local no mundo global: Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
  • O proceso de implementación da Axenda 2030 e os ODS nas universidades galegas a través da Rede galega de cooperación universitaria para o desenvolvemento (RGCUD).
  • A acción exterior no marco da Axenda 2030: o IV Plan director da cooperación galega.

Os expedientes son transportados por persoal de Tragsatec sen saber como son controlados, quen accede a eles ou que se fai cos datos.

A CIG vén de presentar denuncia contra a Dirección Xeral de Patrimonio, perante a Axencia de Protección de Datos, por externalizar a emisión de informes da Comisión de Patrimonio Histórico a través de encomendas de xestión con Tragsatec, traspasando a custodia e tramitación de expedientes sensibles a unha empresa externa sen ningún tipo de control, nin planificación de xestión dos datos contidos neses expedientes.

Entre outros datos, a central sindical sinala na súa denuncia planos de edificacións, contas bancarias, orzamentos de obra e todos os datos contidos en permisos de edificación e xestión urbanística. Datos que deben permanecer debidamente custodiados e tratados por persoal cualificado, polo que reclama a eliminación das encomendas de xestión e a creación das prazas necesarias para desenvolver os traballos de patrimonio cultural.

Encomenda a Tragsatec

Desde o ano 2018 a consellaría de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, está a externalizar o traballo técnico do persoal arqueólogo e arquitecto a través de varias encomendas coa empresa Tragsatec. Os expedientes abandonan as instalacións da consellaría de Cultura e son transportados por persoal da empresa Tragsatec ás súas instalacións onde nin se sabe por quen son controlados, nin quen accede ou que fai cos datos.

A EGAP convoca un curso monográfico composto por 2 módulos diferenciados:

1. Dereito TIC: abrangue entre outros eidos, a protección de datos persoais, o comercio electrónico, a sinatura electrónica, a propiedade intelectual e os delictos tecnolóxicos.
2. Compliance: modelos internacionais de compliance, responsabilidade penal da persoa xurídica, aspectos procesuais do procedemento penal, a cultura do cumprimento normativo, prevención da corrupción etc.

Obxectivo: afondar no estudo do cumprimento legal (compliance) e do Dereito TIC tras a recente aprobación do seu marco normativo, tanto para España como para toda a UE.
Persoas destinatarias: o persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das AAPP de Galiza (autonómica, local e da xustiza), dos seus entes instrumentais, e das universidades galegas, que estea en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.
No caso de non cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderán acceder os e as profesionais que estean en posesión das devanditas titulacións.
Lugar: EGAP, Compostela
Datas: 11, 13, 17 e 19 de xuño de 2019
Duración: 14 horas lectivas
Horario: das 16.00 ás 19.30 horas
Prazas: 50
Inscrición: dende as 08.00 h do 1 de xuño até as 23.55 h do 5 de xuño en https://egap.xunta.gal/matricula
Máis información e documentación requirida: DOG núm. 102 do 31 de maio de 2019

A Xunta, CCOO e UGT asinaron unha carreira profesional suxeita a provisión de fondos adicionais, crearon un complemento sen garantía orzamentaria.

Puidemos ler o fin de semana do 1 de xullo en varios medios de comunicación a existencia de controversia entre o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza e que afectaría á carreira profesional, os incrementos salariais e outros aspectos do Acordo de concertación asinado por CCOO, UGT e Xunta (DOG do 28/01/2019).

O Boletín Oficial do Estado (BOE) do venres 31 de maio publica dúas resolucións polas que anuncian o comezo de negociacións para resolver as discrepancias entre Estado e Comunidade Autónoma de Galiza por certos artigos da Lei de orzamentos e a Lei de medidas fiscais e administrativas de Galiza para o ano 2019 relacionados co Acordo de concertación e a carreira profesional. De ter razón o goberno do Estado, podería ser anulado o complemento de carreira.

Nin é unha broma pesada nin un acto de contrición; é ter a cara máis dura que o cemento.

CCOO difunde un folleto onde solicita a ampliación e mellora do Acordo de concertación social baixo as seguintes premisas:

  • Que se modifique o acordo de carreira profesional para que entren “...aqueloutros empregados públicos que non posúan a condición de funcionarios de carreira...”
  • Que se unifique o período de carencia para cobrar os graos I e II de todos os subgrupos en 2 anos para o grao I e 3 para o II.
  • Que se negocien aspectos como o Fondo de Acción Social, a recuperación do artigo 19 do Convenio Colectivo, etc.

E isto o dín como se o Acordo de concertación social e o da carreira profesional os deixara caer o Espírito Santo na Administración da Xunta, ou como si estivese escrito nas Táboas da Lei. En definitiva como se neses acordos non houbese intervención humana e a carreira profesional chegase por intervención divina.

Pois non. A exclusión do persoal interino, temporal e indefinido e que os períodos de carencia fosen aumentados para o persoal dos subgrupos A1 e A2, é obra da vontade humana. É obra de CCOO, UGT e a Xunta de Galiza.

Foron precisamente estes elementos uns dos que a CIG denunciou como inxustos durante todo o proceso negociador e os que nos levaron a recorrer eses acordos. E foi a recuperación do FAS e a recuperación do artigo 19 do Convenio Colectivo uns dos aspectos que se negaron a introducir na negociación. 

CCOO quixo excluir a ese persoal e quixo que os subgrupos A1 e A2 tardaran máis en cobrar o 100% da carreira. Así o escribiron con cicel no acordo, así o aprobaron na Comisión de Persoal e así o asinaron.

Querer facer penitencia agora que a CIG o ten recorrido no TSXG non é máis que o éxodo dunha traxedia grega onde o heroe da conta dos seus erros e mezquindades.

E como en case todas as traxedias, o remate é a morte, neste caso sindical, dos corifeos da Xunta. A Nemesis caerá sobre eles.

Dende sempre, o SMAC de Vigo tivo unha importante carga de traballo motivado, esencialmente, por ser unha cidade de marcado carácter industrial. Esta condición provocou unha constante reestruturación dos distintos sectores produtivos: o naval, o metal, a construción, o automóbil, o comercio ... De aí a importancia da mediación administrativa prevía a xudicial.

Neste sentido, a carga de traballo do SMAC de Vigo, computada en número de expedientes, duplica amplamente a dos SMACs de Santiago, Ferrol, Lugo e Ourense, sendo lixeiramente inferior ao do SMAC de A Coruña.

Pola contra, a dotación de persoal do SMAC de Vigo nestes intres é exclusivamente de un letrado, carecendo de persoal administrativo de conciliacións, fronte ao persoal do SMAC de A Coruña con tres letrados e cinco de administración, ao de Santiago con dous e un respectivamente, Ferrol con un e dous, Lugo con tres e dous, e Ourense con dous e tres. Esta esperpéntica situación de Vigo non é moito peor que o SMAC de Pontevedra, que con un numero de expedientes parello ao Ourense, conta con unha letrada e unha persoa con funcións administrativas a tempo parcial.