Todas as novas

O 11 de abril de 2019 hai eleccións sindicais para que escollas os teus representantes nas xuntas de persoal funcionario. Se non estás ou prevés estar fora eses días solicita xa o voto por correo:

1. Solicitude do voto por correo:

Tes que solicitalo por carta certificada dirixida á mesa xeral coordinadora acreditando debidamente a túa identidade na oficina de correos (leva o DNI). Leva o sobre aberto para que o funcionario de correos che date e sele a solicitude. O prazo máximo para a súa recepción pola mesa é o 3 de abril (5 dias antes) así que podes solicitalo xa.

No DOG do luns 18 de marzo de 2019, publícase a Resolución do 7 de marzo de 2019, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se acorda a apertura de novas listas para a incorporación de solicitudes para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza do grupo IV, categorías profesionais de xerocultor/a e de persoal de servizos xerais.

As persoas interesadas deberán presentar instancia conforme ao modelo que se encontra á súa disposición no portal web da Xunta de Galiza e pagar as taxas correspondentes.

O prazo para a presentación de instancias comezará o martes 19 de marzo, e rematará o 30 de abril de 2019.

Para ter información sobre as titulacións requiridas e os demáis requisitos das listas consulta a Resolución.

Outra sentenza do Tribunal Supremo, agora contra un acordo de carreira profesional do Institut Català de la Salut que excluía ao persoal interino.

Hai unha semana informamos aquí que o Tribunal Supremo fallou en contra dun acordo de carreira profesional que excluía a interinos e temporais nas Illes Balears. Pois ben, nunha sentenza de data 21/02/2019, o Tribunal Supremo volve sobre os mesmos argumentos, esta vez para declarar discriminatorio o acordo de carreira do Institut Català de la Salut.

No Fundamento de Dereito Sexto da citada sentenza, o Supremo establece:

1º) "que a carreira profesional, como a establecida no Acordo da Mesa Sectorial de 19 de xullo de 2006 (DOGC de 28 de decembro de 2006, coa modificación publicada no DOGC de 29 de marzo de 2007), está incluída no concepto “condicións de traballo” da cláusula 4ª do Acordo Marco incorporado á Directiva 1999/70/CE referida ao principio de non discriminación, e aos efectos de valorar as diferenzas de réxime xurídico aplicable aos funcionarios interinos e ao persoal laboral temporal, ao que ven referida a actuación impugnada."

Chegou á CIG un ruxe-ruxe que fala dunhas reunións da Xunta con certos sectores da alimentación relacionados directamente con provedores das cociñas que atenden ós comedores de xestión directa dos CEIPs pertencentes á Consellería de Educación, os cales son atendidos por persoal laboral da Xunta de Galiza.

As reunións terían sido en Compostela, con membros da Asociación de Carniceiros e nesa reunión os representantes da Xunta aseguraron que as cociñas que atenderan os comedores escolares de menos de 250 comensais serían substituídas por servizos de catering.

De ser así, a maior parte das cociñas destes comedores escolares botarían o peche para ser substituídas por un servizo de catering que todos aqueles que o coñecemos sabemos que é de dubidosa calidade. Amáis habería un importante número de traballadoras e traballadores afectados que, como pouco, deberían cambiar de destino de traballo si é que non hai perdas de emprego.

A Xunta debería dar explicacións a cerca de si este ruxe-ruxe ten algún fundamento, ou si é que pretende que no medio de todo esta morea de procesos nos que os empregados públicos nos vemos mergullados neste momento, pretende facer pasar desapercibida a eliminación dun persoal e dun servizo público máis, en prol dunhas empresas privadas que están servindo unha comida de dubidosa calidade nas escolas públicas.

Comunicaronos dende Función Pública a apertura de novas listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galiza, grupo IV, categorías profesionais de xerocultor/a e de persoal de servizos xerais (PSX).

Segundo a información que nos transmiten, publicariase no DOG previsiblemente o luns 18 de marzo.

O Tribunal Supremo ven de fallar a favor de incluír ao persoal interino e temporal na carreira profesional das Illes Balears

Un mes e pico despois de que CCOO e UGT decidiran coa Xunta que o persoal interino e temporal non ten que cobrar a carreira profesional, o Tribunal Supremo, nun caso similar ao noso ven de fallar:

  • "que a carreira profesional establecida nos acordos ratificados polo acordo do Consello de Goberno das Illes Balears de 8 de maio de 2015 está incluída no concepto “condicións de traballo” da cláusula 4ª do Acordo Marco incorporado á Directiva 1999/70/CE referida ao principio de non discriminación, e aos efectos de valorar as diferenzas de réxime xurídico aplicable aos funcionarios interinos e ao persoal laboral temporal, ao que ven referida a actuación impugnada."
  • "que existe discriminación deste persoal por condicionarse a súa participación na carreira profesional deseñada no acordo recorrido á circunstancia de ter superado un proceso de ingreso..."
  • "que supón, do mesmo xeito, a estimación do recurso contencioso administrativo coa consecuencia de declarar contraria a Dereito a actuación impugnada na medida en que exclúe aos funcionarios interinos e ao persoal laboral temporal do réxime de carreira profesional e o recoñecemento do dereito das recorrentes a esa carreira profesional ..."

Adviñas quen asinou este acordo discriminatorio nas Illes Balears? Acertaches: CCOO e UGT, entre outros, ademais de CSIF.

A pesares de todos os antecedentes que hai, a xurisprudencia, as directivas europeas, especialmente a 1999/70/CE, CCOO, UGT e a Xunta decidiron discriminar ao persoal interino e temporal, polo que o recurso da CIG vai ser o único xeito de incluílo dentro do sistema extraordinario de carreira profesional. A non ser que atendan a petición de renegociar o acordo para facelo universal.

Para situarnos.

Recibimos proposta de modificación da RPT da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Teremos unha xuntanza coas persoas responsábeis da consellería o venres 15 de marzo. Se é do teu interese, podes contactar coa CIG.

 

No DOG do luns 11 de marzo publicaronse as seguintes convocatorias de procesos selectivos:

- ORDE do 5 de marzo de 2019 pola que se convoca proceso selectivo extraordinario de consolidación para o ingreso na categoría 003 do grupo V (ordenanza e outras) de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia. Ir ao DOG.

- ORDE do 5 de marzo de 2019 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario subalterno da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. Ir ao DOG.

Funcionarizacións e reclasificacións, deixando de lado a gran parte do persoal laboral e a todo o persoal funcionario.

CCOO, UGT e Xunta acaban de negociar un documento no que se regulan os criterios do proceso de funcionarización do persoal laboral. E sabémolo porque eles mesmos fan resumos onde afirman que na comisión de seguimento do acordo de concertación tratáronse eses e outros temas, como as ofertas de emprego, o decreto de provisión, etc, ..

Este documento de funcionarización que nos envía a Xunta o luns 11, xa cociñado, para unha mesa xeral o próximo mércores 13, xa circulaba polas redes a semana pasada, porque delegados de CCOO e UGT compartírono en varios grupos de whatsapp, polo que moita xente puido velos.

A maiores, están a traballar cun documento onde aparece unha relación de categorías funcionarizables, das cales a moitas delas as reclasifican de grupo, coa súa correspondente equivalencia como persoal funcionario. Este documento si que tiveron a decencia de enviárnolo a nós.

A CIG presenta demanda no xulgado contra a Xunta de Galiza, CSIF, CCOO e UGT, ante a fraude electoral argallada pola que non se establecen mesas fixas e itinerantes que permitan o voto en igualdade de condicións a todo o persoal funcionario nas eleccións sindicais da provincia de Ourense.

Así reclamamos agora ante a xustiza que se garanta o dereito de participación do persoal nas eleccións sindicais, posibilitando o voto nos centros de traballo e evitar traslados de mais de 100 km de distancia, co risco e o prexuízo que iso supón para as funcionarias e funcionarios da nosa provincia.

Imos ao xulgado logo da resolución negativa do laudo arbitral da semana pasada no que confirmaron que unicamente vai a haber mesas na cidade de Ourense porque así foi demandado pola maioría sindical. Alí a CSIF, CCOO e UGT argumentaron cuestións diversas como que o persoal vive en Ourense aínda que traballe en outras localidades, que o centro indicado é unicamente de referencia pero que traballan en Ourense e ata que non son necesarias e que incluso que lle facían un favor a xente que así viñan dar un paseo.