Novas por contido

É normal que os xoguetes, de tanto usalos, rompan. Tamén é normal que os que usamos a lingua, polo simple feito de empregala a cotío erremos. Non está mal errar, o que está moi mal é errar e non preocuparse por corrixir ese erro. Por pór un exemplo, cando un cativo di unha incorrección do tipo “isto non cunciona” rapidamente lle facemos saber  que non se di cunciona, senón funciona; pois ese mesmo nivel de esixencia deberiámolo ter os adultos coa nosa lingua, porque, que eu saiba, non se chega a unha idade na que hai que deixar de aprender ou preocuparse por escribir ou falar ben.

Outro caso ben distinto é o das administracións públicas. Unha administración coma a Xunta de Galicia que ten o deber de velar, promover, protexer e tantas outras cousas máis que xa están escritas con respecto á nosa lingua… non debe permitirse nin nós lle debemos permitir que ocorran cousas coma as que sucederon a fin de semana pasada en Silleda, onde tiveron lugar as probas de acceso á función pública para o corpo de subalternos da Xunta de Galicia (quenda de consolidación e libre respectivamente). As probas consistían en facer cada un dos días dous exames. O primeiro exame tiñamos que o facer en lingua galega e o segundo fun eu quen decidín facelo en galego… e aquí chega a miña indignación: como xa vén pasando desde que fixen o selectivo e tamén escollín a opción de galego, unha vez máis esta… TIÑA ERROS!! Desde o meu selectivo pasaron xa máis de dez anos e non se produciu ningún avance ao respecto. Como pode a administración esixir que se coñeza o galego e non dar exemplo? Por que non importa que os textos en galego vaian mal escritos? Non ten a Xunta unha Secretaría Xeral de Política Lingüística? Non ten un servizo lingüístico ao que lle presentar os textos para que os corrixan no caso de que os tribunais non estean capacitados para os elaborar correctamente en galego? É de todo inadmisíbel que a Administración galega siga cometendo erros variados e tan de perogrullo en  textos formais, determinantes e de relevancia tal, coma os que constitúen as propias probas de acceso á función pública. Ao final fixemos as probas cuns textos inzados de erros que, entre outras cousas, entorpeceron a comprensión do que se estaba a preguntar en lugar de facilitala. O material contiña erros de redacción que provocaban continuas perdas de tempo por ter que ler as preguntas máis veces do normal. A oferta foi variada: erros de redacción, faltas de concordancia, erros sintácticos, gramaticais, morfolóxicos e ortográficos. Había para escoller, diso si que non nos podemos queixar.

Unha vez máis queda demostrado que aquilo polo que, por lei, as nosas institucións teñen que velar  e promover  está aínda agardando que algo cambie, porque nin se promove nin se protexe nin se toma en serio. Está claro que temos unha lexislación que no relativo á lingua leva moitos anos existindo porque ten que existir, pero non fai nada máis ca iso: existir. Temos uns dereitos recoñecidos que nunca se levan á práctica. Parece que en Galiza as leis que lle atinxen ao galego as hai porque non queda máis remedio, e se as hai (e este é o perfecto exemplo) é xustamente para incumprilos. Vexo, cada vez que me atopo nunha situación deste tipo cómo son lesionados os meus dereitos, uns dereitos fundamentais que se ven vulnerados continuamente nunha sociedade na que aínda non se nos permite, nin de lonxe, poder desenvolvernos con normalidade na nosa lingua. Por iso, dende aquí quero finalmente demandarlle á administración galega e tamén á do estado en Galiza seriedade e rigor no uso da nosa lingua e respecto a todas aquelas persoas que escollemos a opción de vivir en galego nesta terra.

Para rematar, quero apuntar que somos nós, os falantes, os que temos que facer públicas todas as situacións de discriminación e desigualdade nas que nos atopemos. Somos precisamente nós quen temos que defender a lingua e os nosos dereitos, e o camiño é facer patentes e denunciar publicamente todos os entorpecementos que atopemos no noso día a día no país que nos deu a fala. Que todas e todos os que aínda non probaron, vexan que aquí non é doado vivir en galego.

Elisa González Rosendo

NOTA: Temos un fío aberto nos foros no que se recollen detalladamente os distintos erros aos que fai referencia este artigo.

 

Outras novas recentes

Xoves, 21 Marzo 2024

Reunión do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social

Riscos para a saúde moi elevados nas escolas infantís O venres tivo lugar unha nova xuntanza do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Política Social, no que estaban presentes os representantes das consellería de política social, servizo de prevención propio da Xunta, servizo de prevención alleo (Qualtis), representantes do Consorcio e delegadas e delegados de prevención...
Mércores, 20 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Minas-Bibliotecas-Arqueologos-Museos-Obras Publicas-Arquivos (19/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega os listados de prazas que ofertará para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos: A1 Minas A1 Bibliotecas A2 Bibliotecas A1 Arqueólogos A1 Museos A2 Museos A2 Obras Públicas A2 Arquivos Neste lote botamos en falta A1 de Arquivos.
Mércores, 20 Marzo 2024

Procedemento de acreditación dos méritos do concurso-oposición de estabilización dos subgrupos A1, A2, C1 e C2 e grupos I, III e IV

No DOG do 20/03/2024 publican: - RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos de determinados procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de...