Novas por contido

Desta consellaría depende a dirección xeral de Función Pública, centro directivo dos recursos humanos que prestan parte dos servizos públicos galegos, e que se atopa completamente paralizada.

Esta central sindical vén de remitir un escrito á nova conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, no que se lle solicita unha xuntanza na que queremos que nos aclare cal vai ser o rumbo que vai emprender esta Administración en función dos posíbeis escenarios económicos que manexa.

A parálise na Función Pública galega é total, non así no gabinete de prensa da Consellaría que non para de facilitar información ambigua, que non aclara nada, senón que máis ben causa cada día máis inquietude no conxunto do colectivo de empregados públicos da Xunta de Galiza.

Sen ir máis lonxe, onte a conselleira declarou en varios medios de comunicación con respecto a esta situación que se está “á espera de coñecer o escenario que marquen os orzamentos do Estado para logo ver o que se terá que facer”. Se isto fora así, resultaría certamente irresponsábel que desde a consellaría de Facenda non estean adiantando traballo xa en función do propio escenario autonómico e dos posíbeis escenarios económicos estatais.

A situación actual crea unha gran incerteza nos empregados públicos da Administración autonómica que necesitan e esixen da conselleira que se pronuncie sobre os procesos e concursos pendentes, algún dos cales acumula máis de 6 anos de atrasos. Ninguén, nin a cidadanía nin as traballadoras e traballadores públicos podémonos permitir que a Función Pública galega siga sumida nun estado de letargo xa que isto afecta directamente á calidade dos servizos públicos que se prestan.

Non hai ningún motivo para paralizar determinados asuntos pendentes, como os concursos de traslados ou diferentes aspectos normativos, que non teñen ningunha implicación económica para a Administración galega. Por outra banda, no referente aos procesos selectivos xa ofertados con anterioridade, e aínda non executados, as prazas que se cubrirían están xa orzamentadas.

Os empregados e empregadas públicas da Xunta de Galiza xa están a soportar demasiadas conxelacións e retrocesos nos seus dereitos para que aínda por riba se recorte o dereito á mobilidade e á promoción profesional, sen ningunha razón que o xustifique. Calquera diminución das condicións laborais das empregadas e empregados públicos repercutirá sobre a cidadanía. Mentres desde o noso colectivo tentamos cada día de facer máis con menos, o goberno da Xunta dálle a cidadanía menos servizos con máis impostos.

Nota remitida aos medios

Descargar carta á conselleira

Outras novas recentes

Venres, 19 Abril 2024

A Xanela (boletín de CIG-Autonómica, abril/2024)

Neste boletín de CIG-Autonómica falamos de: - Concursos de traslados e as 1.100 prazas bloqueadas- Concurso específico- Campaña pola xornada de 35 horas semanais e as semanas de 4 días- Lentitude dos procesos selectivos- Condicións de traballo do persoal non docente de centros de ensino- Como recibir información da CIG-Autonómica.
Xoves, 11 Abril 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar incumpre a normativa de conciliación da vida familiar e laboral

O Consorcio introduce unha cláusula nas resolucións de reducións de xornada que impide que o persoal poida desfrutar do dereito á conciliación mentres non se cubra con persoal substituto a franxa horaria na que reduce a xornada. A CIG levamos anos denunciando a situación que se produce na concesións de reducións de xornada por conciliacións, incumprindo o artigo 37.7 do...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...