A día de hoxe, a maioria dos/as empregados/as públicos da Xunta de Galiza teñen acceso somentes ao intranet corporativo, polo que non poden acceder a outras páxinas web. Dende a C.I.G.-Autonómica queremos que se abra a posibilidade de acceder as páxinas de información sindical, xa que consideramos que este é un dereito inalienable de todos/as os/as traballadores/as, e que ten unha moi doada solución técnica.

O SECRETARIO XERAL DA CONSELLARÍA DE PRESIDENCIA, SANTIAGO ROURA, IMPIDE O ACCESO A LIBRE INFORMACIÓN SINDICAL DOS/AS FUNCIONARIOS/AS DA XUNTA DE GALIZA

C.I.G.-Autonómica quere denunciar a actitude antidemocrática e de persecución que está a sufrir esta central sindical e por extensión  todos/as os/as empregados/as públicos da Xunta de Galiza por parte do Secretario Xeral da Consellaría de Presidencia ao non permitir o acceso dos mesmos a páxina web da C.I.G-Autonómica, despois de que faga máis dun ano da petición para que se abrira a posibilidade de acceso a información sindical a todos/as os/as empregados/as públicos.

Dende a C.I.G.-Autonómica instamos ao Secretario Xeral da Consellaría de Presidencia a que dé as ordes oportunas para que isto se leve a cabo o máis axiña posibel, e temos solicitado unha entrevista co Conselleiro en funcións da Presidencia para que nos dé unha solución a esta intolerable persecución sindical que estamos a sufrir por parte deste personaxe.