Novas por contido

Defende os servizos públicos como eixo vertebrador do benestar e o papel do empregado/a público como garante deste dereito

O Pleno da Xunta de Persoal dos Funcionarios dos Servizos Periféricos da Xunta de Galiza na provincia da Coruña remitiu un comunicado advertindo que os recortes antisociais adoptados polo Goberno galego non supoñen ningún aforro, senón que unicamente “trasladan o custe dos servizos públicos á cidadanía”. Fronte a isto, a Xunta de Persoal defende os servizos públicos como eixo que vertebra do dereito ao benestar e defenden a figura do empregado público como garante fundamental deste dereito.

O Pleno da Xunta de Persoal dos Funcionarios dos Servizos Periféricos da Xunta de Galiza na provincia da Coruña, composto polas centrais sindicais CIG, CSIF, CCOO, UGT e FSES, ante as últimas seudoinformacións sobre os traballadores públicos acordou manifestar o seu rexeitamento deste tipo de “informacións”, a súa firme crenza nos servizos públicos e o seu rexeitamaento dos recortes antisociais adoptados nas distintas administracións públicas, e máis en concreto, os feitos pola Xunta de Galiza.

A maioría dos recortes adoptados polas administracións non supoñen ningún aforro senón que o que fan é trasladar o custo dos servizos públicos á cidadanía, ao contrario da ladaíña que se ven escoitando de “facer máis con menos” o que xa está a pasar e continuará aumentando é que imos ter que pagar máis por menos.

E será precisamente a cidadanía máis desfavorecida e con menos recursos a que máis se verá afectada con estes recortes, xa que medidas como os copagos a maiores ou as subas do IRPF, recaerán sobre todo nos traballadores e pensionistas que gañan menos de 30.000€/ano.

Desde esta Xunta de Persoal defendemos os servizos públicos como eixo vertebrador do dereito ao benestar e defendemos tamén a figura do empregado público como garante fundamental deste dereito. Todo ataque contra un deles, é tamén un ataque contra o outro.

Xa que logo, denunciamos o tratamento demagóxico que os medios de comunicación están dando á figura do empregado público, para distraer a atención sobre o que realmente preocupa a poboación: atopar un traballo digno. Unha demagoxia na que nin sequera nos dan a oportunidade de defendernos. Estanse publicando reportaxes, estudos, informes e opinións sobre nós sen nin sequera outorgarnos unha quenda de réplica neses mesmos medios.

Os recortes propostos ultimamente na prensa dos días de libre disposición recollidos na Lei de Función Pública non suporían ningún tipo de aforro, pois quen os goza non é substituído e están suxeitos a que non afecten á prestación dos servizos. A xornada de 37,5 horas non representaría un aumento da xornada xa que é a recollida na normativa en vigor para os empregados públicos da Xunta, e que se ven facendo desde as orixes da administración galega.

O bochornoso é que nada se diga sobre o aforro de máis de 40 millóns de euros que suporía o prescindir de asesores nomeados a dedo nesta Administración durante o que dure a lexislatura, así como do plus dos altos cargos, só por citar dous exemplos de gasto superfluo mantido polo presidente Núñez Feijoo.

Criticamos, igualmente, que os diferentes cargos políticos utilicen estes medios para denigrar a nosa figura e culpabilizarnos ante a opinión pública da crise económica. Unha actitude hipócrita e irresponsábel; hipócrita porque mentres que se recortan e conxelan os salarios dos seus empregados de maioría mileurista, os altos cargos na administración seguen a gozar de pluses e prebendas, e se crean postos directivos en axencias públicas con soldos superiores aos da presidencia da Xunta. Pero aínda máis, trátase dunha actitude insólita e irresponsable; a que empresa seria se lle ocorrería estar humillando, ridiculizando e apertando ao seu persoal que é co que conta para saír adiante?

Somos conscientes da conxuntura económica actual porque sufrimos como ningún outro sector unha perda continuada dun 12% de poder adquisitivo nestes 2 últimos anos entre recortes e conxelacións, que se veñen a sumar aos que arrastrabamos historicamente.Cremos que a administración debe ser austera, pero sen que esta austeridade afecte á calidade dos servizos públicos que recibe a cidadanía, nin con cobros a maiores por uns servizos que xa paga cos seus impostos.

Non podemos admitir unha austeridade única e exclusivamente baseada en empobrecer e humillar aos empregados públicos, etiquetándonos de privilexiados simplemente por ter a estabilidade laboral desexable para calquera traballador, e recoñecida para garantir a nosa independencia. Porén, non por ter unha estabilidade laboral podemos aceptar, nin aceptamos, unha conxelación salarial perpetua, sen límite nin condicións. Do mesmoxeito que non aceptamos unha conxelación ou retroceso do resto dos nosos dereitos como poden ser entre outros a mobilidade ou a promoción profesional.

Desde esta Xunta de Persoal solidarizámonos e apoiamos os movementos de empregados públicos que se están mobilizando na defensa do servizo público (como son  os colectivos de ensinantes, sanitarios ou traballadores de servizos sociais) e da  dignidade dos diferentes colectivos de traballadores públicos, que son imprescindíbeis para superar a crise entre todos sen un sufrimento excesivo dos sectores máis desfavorecidos.

Comunicamos que desde este organismo sempre faremos o traballo para o que fomos elixidos: defender os dereitos dos traballadores da administración pública, e tamén os da cidadanía en xeral a pesar da incompetencia dos que maldirixen a Xunta de Galiza.

Outras novas recentes

Mércores, 20 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Minas-Bibliotecas-Arqueologos-Museos-Obras Publicas-Arquivos (19/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega os listados de prazas que ofertará para a elección de destino dos seguintes procesos selectivos: A1 Minas A1 Bibliotecas A2 Bibliotecas A1 Arqueólogos A1 Museos A2 Museos A2 Obras Públicas A2 Arquivos Neste lote botamos en falta A1 de Arquivos.
Mércores, 27 Marzo 2024

Concursos de traslados de consumo, axentes ambientais e gardacostas: admitidos/as-excluidos/as provisional

Dende a Dirección Xeral de Función Pública comunítanos que o vindeiro día 5 de abril publicarán en DOG as resolucións polas que se aproban as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas dos concursos para a provisión de postos de traballo vacantes de: Escala de axentes de inspección, especialidade de consumo. Escala de axentes facultativos ambientais e axentes...
Venres, 22 Marzo 2024

Prazas para elección de destino Agrupación profesional-Subalterno (22/03/24)

A Dirección Xeral de Función Pública achega un listado de prazas que ofertará para a elección de destino do proceso selectivo da agrupación profesional - subalterno. A localidade dos postos pode verse no código que vai nas posicións 11 a 15 do código (XX.XXX.XX.XXX.XXXXX.XXX) No mesmo arquivo que poñemos a túa disposición para descargar, vai tamén a RPT íntegra con todos os...