Medio Rural vén de sacar o nº2 do seu Boletín de información institucional. Actualmente fican nos corredores da antiga consellaría varios palés con centos de caixas dun novo número desta publicación a espera da súa distribución.

De cada número que se ten editado fanse tiradas de 25.000 exemplares da revista en formato papel de moi boa calidade. Esta revista é envíada posteriormente a diferentes colectivos do sector do país e parte do exterior: asociacións de productores, agrupacións profesionais e sindicais, comunidades de montes e TECORES…

Non imos a entrar a valorar o contido e a calidade da publicación. Porén si que consideramos que, nesta moda de recortes, a conveniencia de publicacións que emprega o goberno autonómico para facer propaganda institucional é máis prescindibel que os dereitos laborais que a Xunta se empeña en recortar aos seus empregados e empregadas para “aforrar”.

A maiores, na conta da edición e impresión das revistas, hai que engadirlle o custo do envío: o paquete azul (uns 7€/revista) e mais o custo do persoal da consellaría que ten que parar no seu traballo habitual para reforzar o cadro de persoal subalterno.

Desde a CIG-Autonómica criticamos que desde a Xunta de Galiza se fale de austeridade, da necesidade de facer sacrificios aos empregados públicos, e pola outra se utilicen recursos públicos sen medida (mesmo persoal da Xunta para o seu envío) para este tipo de boletíns de autobombo.

Vimos de remitirlle un escrito a nova conselleira de Medio Rural e do Mar instándolle a que termine con este tipo de gastos innecesarios e, canto menos, substitúa o formato papel polo formato electrónico, sen custes de impresión nin de expedición. Porén, a nota deberíaa tomar o Sr. Feijoo a nivel global do seu goberno: fóra os gastos de publicidade de autobombo que levan a conselleiros a Madrid e fóra a externalización de servizos públicos para empresas amigas.

NOTA: ao día despois da difusión púbilca desta denuncia (que aínda lanzada á prensa non foi recollida por esta), os palés das caixas desapareceron do corredor. Está claro onde lles doe.