Esta é unha das moitas consignas que se berran estes días nas concentracións e actos de protesta por todo o país. Certamente, mentres o goberno galego se adica a facer política de salón e a dar discursos, os diferentes concursos de traslados, entre outros dereitos, seguen conxelados.

Vai dúas semanas o director xeral de Función Pública nos comunicaba (tarde, mal e arrastro) que retiraba as prazas de consolidación dos concursos de persoal laboral. Quedou pendente de achegarnos unhas sentenzas  e un informe da asesoría xurídica que motivaba esta actuación. Mentres tanto, o concurso de laborais parado e polo tanto tamén o de corpos especiais, escalas e corpos xerais, xa que o director xeral se empeña en que os concursos se fagan un detrás de outro, en serie, que non coa seriedade que marca a lei.

A CIG-Autonómica vén de solicitarlle que nos achegue a dita documentación pendente e, por enésima vez, que axilice a convocatoria dos diferentes concursos de traslados e procesos pendentes. Na última xuntanza mantida coa conselleira, na que tamén estaba presente o director xeral, non se nos chegou a dar máis que escusas chorimiqueiras e nin tan sequera se nos ofreceu unha planificación seria do que tiñan pensado; nin un mero compromiso. Outra tomadura máis de pelo á nosa intelixencia e a nosa dignidade.

No proxecto de lei de medidas do emprego público que foi hoxe ao consello da Xunta non figuraba o recorte do noso dereito á mobilidade que, dito sea de paso, é unha das escasas formas de carreira profesional que nos quedan.