No DOG de 20/02/2012 publícase a Resolución do 13 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que, de conformidade co artigo 12 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo (Diario Oficial de Galicia número 48, do 9 de marzo) se fai pública a actualización provisional de méritos correspondente ao ano 2011 das listas para a cobertura, con carácter transitorio, de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

As devanditas listas atópanse á disposición dos interesados no Servizo do Rexistro Xeral e Información da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nas oficinas de rexistro e información dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia e na páxina web da Xunta de Galicia (www.xunta.es) na epígrafe Función Pública.

Os interesados disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar reclamacións ante a Comisión Permanente Central (Dirección Xeral da Función Pública, Consellería de Facenda, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela).