Hoxe, martes de entroido, a comparsa da CIG-Autonómica “pres@s da crise” recorreu, por sorpresa, o complexo administrativo de San Caetano coa canción "Freijolito quere recortar". Con música festeira propia do entroido e unha letra retranqueira, denunciaban os continúos recortes de Feijoo ante os que nos asegura que “non hai elección”. 

Descarga a letra

A comparsa estaba capitaneada polo Sr. Presidente da Xutna, Núñez Feijoo, guitarra en man, co hábito de monxe, guía espiritual do equipo e “INTERINO DE CORAZÓN” como rezaba no cartaz que levaba colago. Acompañábao ao seu carón o seu segundo, Alfonso Rueda, conselleiro de Presidencia, preso da crise, que ía tomando nota dos traballadores "ociosos" e buscando onde máis poder recortar. Este levaba un cartaza que dicía “ALFONSO RUEDA, CAMBIO 2 HORAS DE ENTROIDO POR 3 DÍAS MOSCOSOS”.

Estaba tamén o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, tamén afectado por todos estes recortes, que lle indicaba aos traballadores que lle ían colocar unhas máquinas de coser para fabricar camisetas e ser productivos como nas súas empresas privadas de Portugal. No seu cartaz viña escrito: “ESTE TEN PASTA (NON É FUNCIONARIO).

A comparsa contaba tamén co apoio doutros 2 ilustres presos da crise de excepción: a duquesa de Alba e o seu marido Alfonso Díez. Parella esta tamén que sufre moito a crise xa que el é “FUNCIONARIO” e ela está “PARADA”.

A comparsa musical e festerira discurriu por diferentes unidades administrativas animando e convidando aos compañeiros e compañeiras a cantar con eles; foron moitos os que se animaron e, unha vez quentadas as gorxas, foron bastantes os aplausos colleitados. Finalmente, a comparsa amenizou o remate da xornada laboral ao mesmo tempo que “@s ilustres pres@s da crise” instaban máis sacrificios aos empregados e empregadas públicas e que volveran para dentro do edificio e seguisen traballando.

Mañá, mércores de cinsa, a partir das 12:30 na explanada do complexo administrativo de San Lázaro, a comparsa pechará o entroido e procedera ao enterro do convenio colectivo do persoal laboral da Xunta e da actual Lei de Función Púlbica de Galicia; ambos os textos tamén “presos da crise”

CIG-Autonómica: a imaxinación ao poder!