Manuel Gallardo Canitrot, secretario nacional da CIG-Autonómica, ven de solicitar unha entrevista coa nova conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, á maior brevidade posible. Segundo a nova estrutura da Xunta de Galicia, a Dirección Xeral de Función Pública depende agora desta consellería, co que no diálogo sobre o emprego público autonómico é esta a máxima responsable por parte da Administración. A necesidade desta reunión nace da prolongada paralización de diferentes procesos selectivos (algúns xa convocados) e de diferentes acordos xa acadados.

Nesta entrevista, á que acudirían o secretario nacional e dúas persoas asesoras, solicitaríase a inmediata posta en marcha dos procesos selectivos que xa están publicados, así como o desbloqueo dos outros procesos que quedaron pendentes como son :a promoción interna dos corpos xerais, o concurso de traslados de persoal laboral e corpos xerais de persoal funcionario e os procesos de consolidación de emprego.