O 22 de febreiro tivo lugar no edificio Administrativo de San Caetano, en Santiago de Compostela, o acto da entrega de premios extraordinarios de bacharelato e formación profesional ao que asistiu o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Segundo as queixas trasladadas por varios empregados públicos, ao final do acto e dentro das propias dependencias administrativas, se serviu un catering de celebración.

Entendemos que este tipo de dilapidacións son inaceptables, especialmente nunha  administración pública e nunha coiuntura de racionalización do gasto. Dada a austeridade que se nos reclama, consideramos estes gastos como unha vergoña e un insulto do goberno galego aos empregados públicos en particular e a cidadanía en xeral.

Pola dita razón solicitamos a memoria económica da organización do dito acto, na que non nos soprendería atopar algún outro tipo de gastos prescindibeis. En todo caso, demandámoslle ao goberno galego que cese neste tipo de gastos superfluos e reduza a súa realización ao mínimo imprescindíbel, non entendendo como mínimo imprescindíbel a realización de ningún tipo de ágape nos actos de celebración, por exemplo.

Actualmente existe unha febre de austeridade no gasto público, enxalzada polo goberno galego. Dentro desta febre de austeridade está imbricada a aprobación da recente Lei de medidas no emprego público. Esta lei vén xustificada no seu preámbulo na necesidade urxente de crear aforro. Xa que logo, xustificar a necesidade da pompa destes actos resulta unha proba da austeridade hipócrita no gasto público que nos propón Feijoo.

Nota remitida aos medios

HAI QUE DESEMASCARAR ESTA VERGOÑA!

DENUNCIA OS CASOS DE AUSTERIDADE HIPÓCRITA