Non hai máis que ir a sección de anuncios da Administración Autonómica no DOG para ver cal é o interese da Xunta no aforro e cal na privatización dos servizos públicos, custe o que custe, e nunca mellor dito.

No DOG do 16/03/2012 publícanse o anuncio de dous contratos da Consellaría de Educación e Cultura para a contratación do servizo para o desenvolvemento de novas funcionalidades nas aplicacións informáticas de xestión de probas de acceso e admisión en ciclos formativos e outro para para o desenvolvemento de novos módulos de software da aplicación informática de xestión de ensinanzas (Xade) dos centros educativos non universitarios. Entre os dous supoñen un desembolso de máis de 500.000 €.

Lamentamos que a Xunta de Galiza non faga o mesmo esforzo en racionalizar estas externalizacións dos servizos que en recortar en dereitos aos empregados públicos. Xa nin sequera contemplan a posibilidade de que sexan desenvoltos polo persoal propio dos servizos de informática. Iso si, seguen dicindo que hai que botar persoal funcionario e laboral, que sobramos, mentres seguen contratando funcións e traballos con empresas privadas e obsequíandolles con bos marxes de beneficio.

No DOG do 13/03/2012, desta volta a Consellaría de Facenda, lanza un anuncio de licitación para unha campaña publicitaria dos fondos FEDER (como non, campaña pagada tamén con fondos FEDER). 190.000 € máis gastados en anunciar que aínda veñen fondos da Unión Europea, en vez de gastalos en dar servizos públicos reais e palpables para a cidadanía, por exemplo.

Por outra banda, nese mesmo DOG, a Academia Galega de Seguridade Pública anuncia a licitación do servizo de limpeza por un ano por valor de 100.000€. A pregunta é: canto persoal laboral da Xunta de Galicia do Grupo V Categoría 011 (limpador/a) poderíamos contratar con eses cartos? De novo, fúxese cara a externalización dos servizos publicos pagando con diñeiro de todos unha xugosa plusvalía para a empresa que saia gañadora.