A Consellería de Traballo e Benestar formaliza a xestión privada dunha residencia de maiores e centro de alheimer en Bembrive e de prazas de residencia de maiores en Pontevedra. En dous contratos, o departamento de Beatriz Mato gastará máis de 12 millóns de euros. Fonte DOG 22/03/2012

Na campaña na que vimos denunciando a austeridade hipócrita da Xunta na que machaca aos empregados públicos e solta alegremente millóns para o relacionado coa privatización dos servizos públicos, tócalle outra vez á consellería do Paro e Malestar. Esta consellaría, na recente desfeita da modificación da súa RPT, xa confirmara que ía amortizar postos públicos para privatizar os servizos; agora temos a segunda parte, e a que prezo: 12 milllóns de euros.

A CIG leva denunciando por activa e por pasiva que detrás da campaña de desprestixio dos servizos públicos e de colocarnos aos empregados públicos no punto de mira se atopa o asalto á esta importante bolsa de negocio para as empresas privadas. Aínda que a Xunta trata de ser algo máis discreta, as asociacións de empresarios non ocultan a súa intención.

Mentres que para os empregados públicos se fai contas ata co ar que respiramos e nos servizos públicos se cuestiona calquera gasto que se leve a cabo, para as subcontratas non hai ningún tipo de racionalización, estudo, cuestionamento ou crítica. Desde a CIG denunciamos este tipo de actuacións e volvemos a poñer enriba da mesa a nosa proposta de comisión de control sobre a externalización dos servizos públicos na Administración autonómica.