Nos continuos desembolsos do mausoleo da Cidade da Cultura recentemente o conselleiro de Cultura e Educación defendeu publicamente a compra de 177 cadeiras para o edificio de Servizos Centrais do Gaiás, cuxo importe de licitación é de máis de 333 € de media a unidade. Para iso, argumentou que se trata de material de oficina ordinario e que o fai pensando na comodidade dos traballadores que “van pasar alí moitas horas”.

Tratando de respostar ao chamamento do presidente da Xunta pedíndonos sacrificios aos empregados públicos, e como sinal de colaboración, achegámoslle a nosa proposta alternativa ao conselleiro para a racionalidade e austeridade neste “material ordinario”. Achegámoslle 2 catálogos de cadeiras de oficinas de dirección e outro, máis modesto, de cadeiras de oficina operativas. Nos catálogos que lle remitimos, o conselleiro pode atopar unha ampla variedade de opcións moito máis económicas (desde 29,00€) e que poden adaptarse igualmente ás necesidades da consellaría.

Desde a CIG-Autonómica continuamos denunciando os actos de austeridade hipócrita da administración galega pero dado o caso que nos fai optamos pola retranca. E continuarémolo facendo porque os empregados e empregadas públicas e a cidadanía así nolo demanda xa que se considera inaceptable, e mesmo un insulto na situación actual, que se nos estea a recortar en dereitos laborais e na calidade dos servizos públicos para manter gastos completamente prescindibles.

Nota remitida aos medios