Búscase persoal funcionario do subgrupo A1/A2 para os postos das xefaturas do Servizo de Xestión de Comedores Escolares dos Centros Docentes non Universitarios e do Servizo do centro Ramón Piñeiro para a investigación en Universidades. Valorárase experiencia en relación coa Administración local.

Na recente xuntanza da modificación da súa RPT a consellaría de Educación comunicounos a súa intención de abrir dúas xefaturas de servizo a outras administracións para "aumentar a concorrencia de persoas candidatas idóneas para o posto". Porén, na memoria funcional se xustifica esta apertura baixo a necesidade de coñecer os "circuitos administrativos locais" no primeiro caso e a "rede de dinamización lingüística" no segundo. Curiosamente o primeiro posto foi creado no anterior trimestre e xa está sendo modificado.

Desde a CIG manifestámonos rotundamente en contra da apertura indiscriminada de postos a outras administracións, máxime non existindo un acordo de reciprocidade, e defendemos a profesionalidade e capacidade do persoal propio da Xunta de Galiza. Son moitas as consellarías que empregan os postos de "libre designación" como porta de entrada discrecional de persoal doutras administracións creando despois verdadeiros problemas de xestión de persoal e limitando a carreira administrativa do seu propio persoal funcionario.

Non hai que esquecer que aínda que libres designacións, os postos de xefatura de servizo seguen sendo postos de persoal funcionario e que están dentro da súa potencial carreira administrativa. Por outra banda, hai que ter en conta o gasto que supón traer persoal doutra administración cando aínda hai persoal sen posto asignado na Administración autonómica e os problemas para a súa recolocación.