Novas por contido

Pese a que na realidade pouco e a duras penas se moven un par de procesos, a Administración non dubidou en publicar unha nota de prensa cos avances que desdea a CIG valoramos como insuficientes e tardíos.

Nas últimas xuntanzas coa Administración, esta facilitou datos concretos dun par de concursos de traslados e algunhas pinceladas do resto. Porén, algún deles, máxime tendo en conta a traxectoria de incumprimentos, hai que tomalos con certa reserva.

Persoal laboral

En canto ao concurso do grupo V, e pese a recente modificación, a revisión das baremacións está enfilada e a Administración pon como xuño, a máis tardar, a data limite para a publicación no DOG da resolución. Con relación a convocatoria dos grupos I-IV, a Administración augura (e anuncia en prensa a bombo e platillo) que convocará máis de 1.500 prazas en abril.

Desde a CIG valoramos esta data como precipitada dado o estado de inexistencia da fase de negociación das bases da convocatoria. Por outra banda, coma xa coñecemos a tradición da Administración na aproximación de datas que non se cumpren, tomamos esta información con reserva.

Persoal funcionario

O único certo é que en abril se publicará a resolución do concurso da escala de persoal veterinario. Despois comezarase coa elaboración das bases do concurso de corpos especiais, claro que tampouco concreta a que se refiren exactamente con "despois". Tamén comentou o director xeral de Función Pública a posibilidade do concurso do persoal informático no terceiro trimestre deste ano.

Por último, do concurso de corpos xerais non se sabe nada de nada. Cómpre recordar que se cumpren 2 anos das tomas de posesión do anterior en abril do 2013 co que poida que saquen un antes desa data. Do que en repetidas ocasións falou o director xeral é que sería pequeno (300-500 prazas) e que tecnicamente non levaría moito tempo resolvelo (dada a informatización do sistema).

Uso dos concursos como propaganda institucional

Desde a CIG criticamos o uso propagandístico que se fai desde a Xunta de Galiza dos concursos de traslados para encher medios de comunicación. Supoñemos que dado que as OPEs desapareceron do mapa, o que lle queda por vender son as prazas que se convocan nos concursos de traslados. ("A Xunta convocará máis de 1.500 prazas no primeiro concurso de traslados do persoal laboral desde o 2005")

Mención a parte merece o ton da nova no que o director xeral de Función Pública da a entender que tivo chegar o novo goberno para poñer orde no tema dos concursos ("non se convocaba desde 1994" destaca no caso do concurso da escala de persoal veterinario ou "a última convocatoria data do 2005" fai fincapé no caso do de persoal laboral). Habería que lembrar que o actual goberno leva máis de 3 anos nos que, ademais de dar múltiples datas que foron sistematicamente incumpríndose, non foi capaz máis que desenvolver de xeito completo 1 concurso de corpos xerais de persoal funcionario.

Desde a CIG consideramos que xa de ter feito unha xestión tan patética do dereito á mobilidade dos empregados públicos o director xeral debería ter a decencia de gardar silencio e non ir presumindo na prensa do pouco que leva feito do que, por outro lado, non deixa de ser parte das súas funcións.

Outras novas recentes

Luns, 15 Abril 2024

O Consorcio ordena facer a programación do período de adaptación... na casa?

A CIG-Autonómica denuncia ante a autoridade laboral a decisión da Xunta e máis do Consorcio de cargar ás traballadoras coas horas de programación sen reducir o horario de atención directa.  O Consorcio impuxo, dentro da xornada de 35 horas semanais, que toda a xornada de traballo fose de atención directa ás crianzas. Esta medida supón un novo atentado contra os servizos...
Xoves, 11 Abril 2024

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar incumpre a normativa de conciliación da vida familiar e laboral

O Consorcio introduce unha cláusula nas resolucións de reducións de xornada que impide que o persoal poida desfrutar do dereito á conciliación mentres non se cubra con persoal substituto a franxa horaria na que reduce a xornada. A CIG levamos anos denunciando a situación que se produce na concesións de reducións de xornada por conciliacións, incumprindo o artigo 37.7 do...
Mércores, 17 Abril 2024

Criterios de repartición do Fondo de Acción Social do ano 2023

A Dirección Xeral de Función Pública achegounos o borrador de criterios de repartición do Fondo de Acción Social (FAS) para o exercicio económico 2023, con vista a unha vindeira xuntanza de negociación. Na proposta que achegan non se recuperan as modalidades do FAS que tiñamos antes dos recortes da Lei 1/2012, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público...