O pasado 4 de abril tivo lugar unha xuntanza coa consellaría de Educación para presentarnos unha modificación puntual da súa RPT. A proposta da consellaría é crear 5 postos derivados de execución de sentenza e abrir 2 postos de xefatura de servizo a outras administracións (A12).

Creación de prazas derivadas de sentenza

No tema da creación de 5 postos por execución de sentenza, demandamos copia das sentenzas para comprobar que se corresponden coas categorías das prazas que crean (2 analistas de informática, 1 aparellador/a e 1 posto base A1). Destacamos que temos coñecemento doutras 2 prazas máis de persoal informático que non se crean e demandamos que se faga.

A consellaría argumenta que as outras 2 prazas de analista-programador non as crean porque nun caso adscriben á persoa a unha praza vacante de analista-programador existente na consellaría e no outro trátase dunha persoa que aprobou outro proceso selectivo e non ven necesidade. Se ben, o artigo 23 da actual lei de orzamentos lle dá cobertura legal á consellaría no caso da adscrición, non existe esta no outro caso. En ámbolos casos, desde a CIG defendemos a creación das prazas xa que coas sentenzas queda suficientemente demostrado que hai unha necesidade estrutural deses postos de emprego público.

A praza de posto base A1, entendemos que debe crearse na Axencia Galega de Innovación. O traslado desta persoa produciuse desde a consellería de Industria de xeito ilegal. Por outro lado, esta persoa non ten sentenza firme de cesión onde se especifica a relación laboral (que categoría habería que crear). Solicitamos informe xurídico da Asesoría previa a creación desta praza que argumente a legalidade tanto do traslado como da creación da praza sen ter sentenza firme.

Con relación á praza do aparellador (A2 nivel 22) comparamos o agravio coa situación do persoal arqueólogo A1 que tamén fai funcións facultativas e que ten recoñecido un nivel 20.

Apertura de prazas a outras administracións

A CIG alega que non está a favor da apertura das dúas prazas de xefatura de servizo a outras administracións, máxime cando non existe convenio de reciprocidade. Criticamos a apertura excesiva de prazas e considera as xustificacións argumentadas como ridículas. Destacamos, ademais, que unha delas aínda foi creada o trimestre pasado e xa está sendo modificada. Defendemos a profesionalidade do persoal propio da Xunta e capacidade para ocupar eses postos. No apartado económico chamamos a atención sobre o gasto que supón traer xente doutras administracións e deixar a xente aquí sen praza.

A consellaría recoñece que igual non foi a xustificación máis apropiada a que aparece na memoria pero que como son “libre designancións” queren escoller a quen queiran e abrir o abano o máis posible. Tamén manifesta que da futura RPT van a variar dúas prazas vacantes abertas a outras administracións para deixalas como AXG e compensar as aperturas a A12 que pretenden facer coas dúas prazas de xefes de servizo.

Modificacións pendentes

Para rematar chamamos a atención e necesidade sobre unha reforma da RPT global de toda a consellaría, máxime despois da fusión con Cultura. Recordamos escrito de entrevista para tratar problemática de aspectos do persoal de Cultura que iamos ter vai 2 meses.

A consellaría contesta que coa anterior consellería de Cultura había unha proposta pero que coa unificación con Educación presentarán unha nova proposta de RPT, posto que cambian as denominacións e os códigos. Contan con convocarnos para xuño para tratar a nova RPT conxunta.