A recentemente anunciada creación de grupos de vixilancia ambiental por parte do goberno do Partido Popular supón unha volta atrás na profesionalización e tecnificación do dispositivo da loita contra os incendios forestais.

Ademais dunha importante redución orzamentaria dedicada á prevención dos incendios forestais a estratexia de Feijóo é a de volver á  contratación clientelar de persoas a través dos concellos coa desculpa de crearen brigadas que traballen na vixilancia e loita contra o lume.

Esta situación anula todo o proceso de profesionalización e unificación de medios na extinción de incendios forestais e recupera o modelo fracasado da “era Fraga” de reforzos de verán a través de brigadas municipais.

Esta nova aparece despois das fortes críticas que tivo o goberno galego pola súa nefasta xestión nos incendios forestais do mes de marzo, pola falta de medios, polo abandono premeditado e consciente da prevención, polo desmantelamento do Servizo e pola nula organización dos medios dos que dispón.  É esta unha medida que impide a modernización do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) e introduce moitas dúbidas sobre as pretensións futuras do goberno galego.

O que pretenden non é realizar prevención, algo que este goberno decidiu eliminar, senón utilizar o fondo de compensación ambiental, que se nutre do canon eólico, para realizar contratacións fóra dos sistemas regrados de que dispón a Administración Autonómica.

Desde a CIG queremos denunciar esta decisión, xa que en lugar de crear novas estruturas débense corrixir as deficiencias existentes no actual Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais: cobertura de baixas, dotación de medios adecuados, vehículos acondicionados para o traballo e reforzos nos servizos nos que a actividade incendiaria é máis acusada ou extraordinaria e, sobre todo, recuperar as labores de prevención abandonadas.

Defendemos a profesionalización do servizo creado no ano 1990 e demandamos que os reforzos das campañas en épocas de alto risco se realicen por medio das listas de contratación das que a Xunta dispón para a cobertura temporal de postos.

Nota remitida aos medios