A Xunta de Persoal de Servizos Centrais da Xunta de Galiza acaba de pór en coñecemento da Secretaría Xeral da Consellaría de Presidencia diversos usos irregulares de vehículos oficiais para uso propio que contradín as instrucións de funcionamento vixentes.

Entre os casos denunciados por este órgano de representación están os dun secretario xeral que utilizan o coche oficial con chofer para ir ao ximnasio e directores xerais que residen a varias rúas de San Caetano pero que os van buscar para ir traballar en coche oficial.

A Xunta de Persoal asegura tamén ter constancia de que hai xefes de servizo que os utilizan para trasladarse dende A Coruña, onde residen, até Compostela onde traballan; vehículos sen rotular que se utilizan para ir levar os nenos á escola, outros vehículos rotulados que aparcados dentro de garaxes particulares e incluso un vehículo co logo da Consellaría de Medio Ambiente ao que se lle engancha un remolque cargado de leña ou de herba para uso particular, por suposto. A Xunta de Persoal asegura que o descaro chega até tal punto que o propio responsable do parque móbil foi visto chegar en coche oficial con chofer ao recinto de San Caetano.

Os datos concretos, con nomes e apelidos e matrícula dos vehículos están en mans da Administración. A Xunta de Persoal informa de que o mesmo día que se presentou o escrito, xa houbo un chofer dun alto cargo que recibiu a orde de deixar de trasladar ao directivo ao seu domicilio. Este órgano de representación, agarda que este sexa o camiño a seguir por parte da Xunta de Galicia.

Ademais destes incumprimentos, a Xunta de Persoal manifestase en contra de que a Xunta de Galicia siga financiando con cargo ao orzamento público o traslado entre os seus domicilios e os seus postos de traballo dos altos cargos de fóra do concello de Santiago de Compostela, aínda compartindo coche. Entende que se o argumento da situación económica vale para que a Xunta de Galicia suprima dereitos laborais consolidados dos empregados públicos, debe valer en maior medida para suprimir o transporte gratuíto para os altos cargos fóra das encomendas derivadas das súas funcións. Asegura que non sendo así, crease un agravio comparativo no que, contraditoriamente, as persoas que máis recursos teñen son as que menos se vén afectadas pola política de recortes, mantendo mesmo os seus privilexios, como é o do transporte gratuíto e discrecional para asuntos particulares en coche de alta gama.

A Xunta de Persoal cualifica o uso para asuntos persoais de vehículos oficiais (entre os que incluímos o desprazamentos ao domicilio particular) non só coma un privilexio anacrónico que deber ser reducido, coma a súa Administración se gabou na prensa, senón coma unha malversación de cartos públicos que debe ser suprimida e condenada no caso de que se produza.

Nota remitida aos medios