Atendendo ás alegacións da CIG, o Consello Consultivo considera contrarias ao ordenamento xurídico a norma de creación e os seus Estatutos.

A semana pasada botaba a andar o consello reitor desta axencia e hoxe sae nomeado no DOG o seu director.

A CIG denuncia que as actuacións da Xunta de Galicia conducentes a creación da Axencia Galega de Innovación resultan contrarias ao ordenamento xurídico, polo que vén de presentar un recurso contencioso administrativo contra o Decreto 50/2012 polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos.

Durante o ano 2011 fóronse desenvolvendo as negociacións para darlle forma á Axencia Galega de Innovación. As numerosas alegacións presentadas pola CIG non foron atendidas pola Administración a pesares de advertirlles que as decisións adoptadas rozaban a ilegalidade.

A constitución da Axencia Galega de Innovación por parte da Xunta de Galicia supón por unha parte a precarización das condicións laborais das empregadas e empregados públicos que prestan os seus servizos nas unidades administrativas que se extinguen, así como a multiplicación de novos postos de persoal persoal directivo “de confianza” nomeados a proposta do director do citado ente, quen establece tamén as súas retribucións e demais condicións de traballo.... O antedito supón un novo impulso no desmantelamento do sistema de xestión do I+D+I galego, que multiplica os efectos dos recortes nos orzamentos neste eido.

Parece que o obxectivo último deste novo ente é o “reparto eficiente”de fondos públicos entre entidades e persoal afín, resultando significativo para valorar estas intencións o feito de que os directivos da Xunta propuxeran inicialmente as Organizacións Sindicais levar á futura Axencia o mínimo persoal propio da Xunta (maioritariamente persoal de libre designación política), trasladando as prazas ocupadas por persoal laboral e funcionario da actual Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación (DXIDI) as outras direccións xerais da consellería de Economía e Industria, fundamentando este traslado nunha “súbita” necesidade de aumentar o coñecemento do inglés dos empregados públicos.

O creación da citada axencia esta provocando conflitos laborais tanto  dentro da propia DXIDI como na Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, ente instrumental adscrito a citada Consellería. Sirva como exemplo do antedito que dende a citada Fundación regularmente temos novas sobre o trato clientelar e discriminatorio cara os traballadores por parte do persoal directivo. De feito, a semana pasada, amparándose nas ultimas reformas na lexislación laboral, despediron a unha traballadora embarazada de cinco meses, así como a  un traballador afiliado a CIG. Neste último caso, argumentaron que viña motivado pola imposibilidade de despedir legalmente a un delegado do comité, tamén da CIG. Desta forma o actual xerente da Fundación, Higinio Antuña, continua coas practicas que obrigaron a CIG a iniciar accións penais contra a ex-xerenta da citada fundación Covadonga Toca, agora secretaria xeral do IGAPE.

Por outra parte a CIG ten noticias dun acordo privado, escrito e asinado polos conselleiros de Industria e Educación mediante o que, “traspasaron” nominativamente a persoal seleccionado polo persoal directivo que “negociaron” a creación da axencia (supoñemos que por falta de “afinidade política”), dende a DXIDI a Consellería de Educación sen existir nin tan sequera comunicación algunha (e moito menos negociación previa), coas organizacións sindicais. Por outra parte o citado “acordo” bilateral  tamén amparou o “traspaso” de diversas partidas orzamentarias relacionadas coa xestión do I+d+i de Industria (onde se crea o ente) a Educación, sen existir acordo previo do consello da XUNTA.

Dende a CIG parécenos moi significativo que o 4 de novembro a comisión de persoal da XUNTA aprobou o borrador dos estatutos da antedita axencia co voto en contra da CIG, e que o 30 de decembro de 2011, o Pleno do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade dos seus membros con dereito a voto, ditaminou que ”O proxecto de decreto polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproba o seu estatuto resulta contrario ao ordenamento xurídico”.

Por todo o anterior, a CIG presentou o escrito de interposición de recurso contencioso-administrativo contra o Decreto 50/2012 polo que se crea a antedita Axencia Galega de Innovación.

Nota remitida aos medios