A Administración recoñece que a implantación vai máis axiña que a normativa. Non vai ser posible ese adianto da flexibilización que recoñecía o director xeral de Función Pública pois non hai normativa que o recolla.

Onte celebrouse unha xuntanza coa secretaria xeral técnica da Presidencia, o director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa. e dúas directivas da AMTEGA por este motivo.

Están a implantar este método de control horario progresivamente, primeiro nos Servizos Centrais (xa está en Presidencia, Facenda e AMTEGA, están actualmente con Mar – Medio Rural e Traballo e en dous meses rematarán todos os SSCC) e logo no resto de departamentos territoriais, organismos e axencias, a maioría do ámbito da Función Pública.  Calculan que comprenderá un total de 18.000 empregados/as públicos/as da Administración Xeral.

O principal problema é que a implantación vai máis axiña que a normativa de flexibilización horaria. Por exemplo non contempla as fichaxes antes das 07:45 nin despois das 15:15 h. En consecuencia, actualmente, o programa emite mensaxes erróneas sobre o cumprimento horario, o que causa inquedanza entre o colectivo afectado. Como non hai normativa que contemple fichaxes fóra desas horas (segundo din) non se pode dar unha información real. Logo de ser cuestionados ao respecto confirman esta situación absurda pero, polo menos, comprométense a eliminar este tipo de mensaxes que causan confusión.

Pretenden que no verán estea xa rematada a implantación informática, que se enlace este programa co Portax e coa aplicación de persoal da Función Pública. Agardan tamén que o problema “normativo” xa estea tamén solucionado ou en vías para esas datas, pero iso xa depende de Función Pública.