FESAN, empresa vinculada co Opus Dei, levarase o 50% do pastel. O resto é para Promoción de la Formación Las Palmas S.L.

O Consorcio Galego se Servizos de Igualdade e Benestar formaliza a xestión privada  de varias escolas integradas na Rede Galega de Escolas Ingantís. En concreto trátase da xestión da atención educativa da escola infantil de Pontevedra-Monte Porreiro, de Betanzos, de Carballo-A Braña e do Pino. Fonte: DOG 30/04/2012

Outro claro exemplo de austeridade hipócrita. Por un lado a Xunta bombardeanos con que non hai cartos para todo aquelo que sexa xestión pública (e asi xustifican amortizacións) pero, día si, día tamén, contemplamos formalizacións de novos contratos para a xestión privada coas empresas de sempre. FESAN, Fundación de Estudios e Análises, xa foi destapada pola CIG como asistencia técnica que tramitaba e baremaba os expedientes de recoñecemento da experiencia profesional, traballo de empregados públicos, toda vez que imparte cursos para o seu recoñecemento.

A CIG denuncia, unha volta máis, que detrás da campaña de desprestixio dos servizos públicos e de colocarnos aos empregados públicos no punto de mira se atopa o asalto á esta importante bolsa de negocio para as empresas privadas. Aínda que a Xunta trata de ser algo máis discreta, as asociacións de empresarios non ocultan a súa intención e a cotío aparecen declaracións na prensa sobre a necesidade de suprimir determinados servizos non rentables e privatizar os de gran volume de negocio.

Por outra banda, mentres que para os empregados públicos se fai contas ata coas veces que imos ao baño e nos servizos públicos se cuestiona cada litro de gasoil que se gasta, para as subcontratas non hai ningún tipo de racionalización, estudo, cuestionamento ou crítica. Desde a CIG denunciamos este tipo de actuacións e volvemos a poñer enriba da mesa a nosa proposta de comisión de control sobre a externalización dos servizos públicos na Administración autonómica.

Nota remitida aos medios