Se xa a lei da que emana era suficientemente restritiva, as instrucións afondan en facer mais real esta restrición.

No DOG do 2 de marzo de 2012 publicouse a lei 1/2012, do 29 de febreiro de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galizia, lei que contou co rexeitamento masivo das empregadas e empregados públicos da Xunta de Galiza.

Ao mesmo tempo, dita lei, que modifica o V convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galiza, contén elementos formais e materiais de dubidosa constitucionalidade ao existir unha reserva legal, sendo competencia exclusiva do Estado a lexislación laboral, sen prexuizo da súa execución polos órganos das CCAA, tal e como recolle o artigo 149.7 da Constitución Española.

Parece prudente, dados os visos de inconstitucionalidade de dita lei, que a Administración deixe en suspenso a aplicación desta ata que non se determine si esta é conforme ao ordenamento xurídico dadas as consecuencias que pode traer dita aplicación.

Por outra banda, a Administración presenta unhas Instrucións para aplicación dos complementos de incapacidade temporal debida a continxencias profesionais e comúns, e nas situacións de maternidade, paternidade, risco durante o embarazo e risco durante a lactación natural.

Estas instrucións lonxe de ser unha aplicación literal da lei, interpretan de xeito restritivo os conceptos de Hospitalización e Intervención Cirúrxica contemplados na lei. Por isto facemos as seguintes consideracións:

No apartado segundo (complemento por incapacidade temporal ata o 100% das retribucións nos casos de hospitalización e intervención cirúrxica), a instrución engade algún suposto como son as colonoscopias, gastroscopias e outras de características similares, así como os tratamento oncolóxicos. Debería engadir a maiores as enfermidades crónicas (diabetes, Krohn, etc), implantes dentais, enfermidades cardiovasculares, etc.

No apartado terceiro e nos casos de incapacidade temporal derivada de embarazo o complemento debería ser do 100% xa que senón estase penalizando o feito de que unha muller estea embarazada. Esta situación debe asimilarse á de risco durante o embarazo.

Mención a parte merece que as baixas por parto, paternidade, etc e as de risco polo embarazo, son sufragadas o CENTO POR CENTO polo INSS, ou sexa que non se tiren á piscina, porque eles non complementan nada.

O apartado quinto restrinxe o disposto na Lei xeral da Seguridade Social. Se a baixa médica se expide ao cuarto día de enfermidade non se precisa baixa médica se o traballador está enfermo tres días e ao cuarto día se reincorpora ao traballo, como incluso se desprende “a contrario sensu” do punto Noveno destas instrucións: “Noveno. Entrada en vigor respecto as ausencias por enfermidade de duración inferior a catro días.

Non será de aplicación o disposto nestas instrucións as ausencias por enfermidade de duración inferior a catro días producidas con anterioridade á entrada en vigor destas instrucións”.

Isto é legal consonte a Lei xeral da Seguridade Social, polo que non debe ser esixido nada non contemplado na normativa con carácter xeral vixente.

O apartado sexto (ausencias por enfermidade sen baixa médica): debería ampliarse o prazo para presentar o xustificante médico por ausencia dos 3 primeiros días ata o cuarto día, xa que en moitos casos debido a enfermidade pode ser imposible a obtención do xustificante, coincidindo ademais con que o cuarto día de ausencia implicaría a presentación dun parte de baixa médico.