A Marcha do venres, 11 de maio, desde a Cidade da Cultura ata San Caetano convocada polo Comité Intercentros do Persoal Laboral e os catro Comités provinciais de Traballo e Benestar foi un éxito de participación e cobertura de medios.

Foi gañada na rúa porque eramos moitas persoas -sen contar as que estaban traballando que non puideron acudir-, e tamén gañámoslle a Beatriz Mato, conselleira de Paro e Malestar, nos medios de comunicación nos cales destacaron a realidade: que nos roubaron as compensacións horarias por traballar en domingos e festivos para que, ao traballar máis, poden destruír 200 postos de traballo ocupados por persoal interino.

Esta Xunta destrutora poderá seguir destruíndo pero a costa de facer máis forte a un movemento sindical unido que logra que moitas e moitos traballadores se mobilizen, a pesares do medo que crean, e que a cidadanía tome conciencia de que a austeridade non supón ningún aforro, senón trasladar os custos ás persoas máis febles.

E todo a pesar de que o telexornal de Feijoó só sacou vintecinco segundos.