O 22 de maio de 2012, a Dirección Xeral da Función Pública mantivo unha xuntanza coas organizacións sindicais para tratar a toma de posesión logo do concurso de traslados do persoal veterinario, así como as oposicións de legoeiros.

Ademáis destes temas, a CIG demandou a Administración información sobre o recorte de salario e xornada ao persoal interino que saiu na prensa esta fin de semana, indicando a Dirección Xeral da Función Pública que de momento non se aprobou instrución ningunha ao respecto e asegurando ás organizacións sindicais que neste ano a Administración non ten pensado aplicar este recorte, por virtude do aforro xa realizado noutras partidas.

Toma de posesión do persoal veterinario

En relación ás alegacións á listaxe de postos ofertados para a toma de posesión , a Dirección Xeral da FP indicou o seguinte:

A diferenza no número de postos ofertados entre o concurso e a toma de posesión (entre os 365 e os 303) debese a que unha parte dos ditos postos foron ocupados no concurso por persoas que non xeraron outros postos, procedentes de excedencias, en servizos especiais, procedentes doutras administracións etc.

Solicitóuselle información a Función Pública sobre os 10 postos de veterinarios na Área do Mar da actual Consellería do Medio Rural e do Mar, informando FP de que foron excluídos por pedimento desa consellería sen que se lle expuseran a Función Pública as razóns. Solicitamos a FP que pida información ao respecto e que estes postos sexan engadidos á listaxe para a toma de posesión.

En relación aos méritos recollidos na codificación na RPT dos postos ofertados, Función Pública indicou que a orde na toma de posesión será exclusivamente a prelación no concurso-oposición.

Respecto dos 34 postos das oposicións de veterinarios de 2005 afectados polo decreto 88/2008, Función Pública indicou que todalas sentenzas consideran que se trata de interinos e non de funcionarios de carreira.

Así mesmo, FP indicou que o informe da Asesoría Xeral da Xunta recolle que tamén que son interinos e non funcionarios de carreira. Desde a CIG solicitamos que se nos entregue unha copia do mesmo, ao que se respostou que sería achegado ás OOSS.

A CIG manifestou que se teñen que ofertar para a toma de posesión todas as vacantes sobrantes do concurso, propoñendo que se convoque posteriormente un concurso-oposición cas 48 prazas ofertadas  na  OPE 2008  e se incremente cas vacantes que queden despois da toma de posesión. Desde a Dirección Xeral da Función Pública apreciouse que incrementar a cifra de 48 prazas sería complicado polas restricións impostas pola Lei de orzamentos vigorante, comprometéndose no entanto a estudar esta proposta.

En relación aos 34 veterinarios afectados polo decreto 88/2008, Función Pública recalcou que o listado definitivo dos/as que superaron o proceso selectivo publicouse por resolución do 24 de xullo de 2008, que esta resolución anula a  resolución de 2005, de xeito que quedan excluídos do listado definitivo de aprobados logo da execución das sentenzas.

Función Pública manifestou que aínda fica pendente de adoptar unha decisión para lle dar solución administrativa a esta cuestión, pero que en ningún caso se cuestiona a condición de interinos dos 34 afectados polo decreto 88/2008.

En relación á proposta de outras OOSS de que os 34 afectados tomen posesión en posto definitivo despois das 258 persoas que aparecen no listado definitivo e que superaron o proceso selectivo logo da Resolución de xullo de 2008,  desde a CIG considérase que deberían tomar posesión así mesmo os 18 aspirantes no proceso selectivo de veterinarios de 2005 que obtiveron unha puntuación superior aos 34 afectados polo Decreto 88/2008, no concurso-oposición, logo da execución das respectivas sentenzas.

Desde a CIG queremos manifestar que son incorrectas as informacións que está a difundir algunha central sindical, nas que se afirma que a CIG se tería posicionado no mesmo sentido que as outras tres organizacións sindicais representativas respecto da problemática dos 34 afectados polo Decreto 88/2008: a posición da CIG é que, de se estimar a inclusión dos 34 afectados na listaxe de convocados para tomar posesión, debería considerarse incluír así mesmo aos 18 aspirantes que obtiveron unha puntuación superior a aqueles no proceso selectivo.

A Dirección Xeral da Función Pública comprometeuse a convocar unha nova xuntaza para a próxima semana, unha vez tomada a decisión, e informou que legalmente só se poden ofertar 258 postos para a toma de posesión definitiva, ao que a CIG sigue reiterando que se lles teñen que ofertar todalas vacantes que quedaron despois do concurso e non causar prexuicios ás 258 persoas que superaron dito proceso selectivo.

Función Pública preguntou a todas as OOSS en relación á proposta de modificación do Decreto 37/2006 de listas de substitución, expoñendo a CIG que xa se solicitou que por parte da Administración se nos achegue unha proposta de modificación para negociar. 

En relación a este asunto, desde a CIG queremos manifestar que son incorrectas as informacións que está a difundir algunha central sindical, informando de que a CIG xa tería presentado unha modificación integral do decreto 37/2006: o que CIG manifestou foi que é a Administración a que debe achegar unha proposta de modificación para negociar. 

Así mesmo, Función Pública informou que a toma de posesión dos veterinarios está prevista para antes do verán, pero os nomeamentos serían en setembro, por razóns funcionais e organizativas.



Oposicións de Legoeiros

Función Pública informou de que, a pesar de que o proceso selectivo xa está rematado,  a eleccion de destino non se realizará até o mes de setembro, xa que na oposición por acceso libre tiveron que modificar un aprobado por causa dunha sentenza (reclamación contra o baremo), ficando pendentes do prazo de recurso que, segundo se informou, remataría o día 15/06/2012.

Desde a CIG preguntouse se se ofertará unha toma de posesión provisional, ao cal Función Pública contestou que é o máis probable, agás no caso de que o concurso de traslados estea rematado nesas datas ou antes de fin de ano, de xeito que agardarían ao remate do concurso para dar a toma de posesión definitiva

En relación a este mesmo asunto, desde a CIG solicitámoslle a Función Pública que convoquen os procesos das prazas de Legoeiros que están afectados pola consolidacion (prazas anteriores o 1/01/2005). A isto, a Administración respondeu que no prazo de 15 dias aproximadamente nos presentarán un novo cronograma de todo o que estaría previsto convocar.

Así mesmo, desde a CIG indicóuselle a Función Pública a problemática coas as prazas que se van ofertar para a toma de posesion, xa que son as de peons especializados reclasificados a Legoeiros no ano 2006, e están presentadas demandas por parte dos afectados, alegando que son anteriores o 1/01/2005 (proceso consolidación). Ante isto, Función Pública informou de que tanto ese departamento como a Asesoría Xuridica da Xunta entenden que se trata de prazas do 2006, e que polo tanto nno están afectadas pola consolidación.

A continuación, desde a CIG preguntouse polo concurso do Grupo V, informando Función Pública que as OOSS serán convocadas para o próximo venres día 25/05/02012 na Mesa xeral e o luns para a Comisión de Persoal.

Sinalouse por parte da CIG tamén a necesidade de acadar unha solucion para a categorias 002 (peón especializado), 012 (peón), e 003 (Ordenanza), xa que nestas categorías non abondan as prazas para dar toma de posesión aos que están en destino provisional, comprometéndose Función Pública a levar a mesa xeral do venres unha proposta de modificación das RPT para incluír prazas suficientes para o concurso desas tres categorías.