O sábado 19 de marzo, o panfleto do réxime deu outra nova coz á dignidade das empregadas e empregados públicos. Nunha pequena nova cunha gran fotografía do aparcadoiro público de San Caetano se informaba que a ponte das letras galegas foi aproveitada "por políticos e funcionarios para tomarse un descanso". Vendo case todas as prazas baleiras, parece que no edificio administrativo central da Xunta de Galiza só veu a traballar a persoa que sacou a foto.

Resulta esta unha manipulación evidente e facilmente demostrable xa que a foto é da parte publica do aparcadoiro, zona que as traballadoras e traballadores públicos de San Caetano non empregamos. Por outra banda, compre salientar que a iluminación non é natural, xa que logo a foto puido facerse a calquera hora.

Evidentemente que nas pontes entre festivos se reduce a actividade da Administración coma se reduce nas empresas salvo na hostelaría que aumenta nestes pequenos períodos vacacionais. E mentres non se lle ocorra o contrario ao goberno, e as necesidades do servizo o permitan, facer uso da vacacións ou días de asuntos persoais segue sendo legal para calquera traballador ou traballadora.

Desde a CIG-Autonómica preguntámonos se non haberá máis cousas que lle interesen á opinión pública que cal é a ocupación do aparcadoiro dun edifico administrativo. Como por exemplo que, curiosamente, desde a toma de posesión do Goberno de Alberto Núñez Feijoo, a Xunta adxudicou proxectos de polo menos 2.912.559 € á firma multinacional Eulen na que traballa a irmá do presidente.

En todo caso, de querer facer unha nova con isto, facela ben e sacar a foto de onde corresponde. Senón, e dada a traxectoria deste medio, comprendemos e compartimos o malestar dos empregados e empregadas públicas que ven nesta "nova" outro episodio da campaña de desprestixio ao noso colectivo. Unha campaña que se está empregando como cortina de fume ante os recortes dos servizos públicos e, pola contra, os rescates da banca privada.

POLA DIGNIDADE DOS EMPREGADOS PÚBLICOS
NINGUNHA AGRESIÓN SEN RESPOSTA