A creación da Axencia de Turismo de Galicia está prevista na disposición adicional cuarta da lei 7/2011, do 27 de outubro, de turismo de Galicia (DOG do 11/11/2011). Foron xa varias as declaracións en prensa do presidente da Xunta sobre a inminente posta en funcionamento desta nova axencia. As últimas tiveron lugar na rolda de prensa do 30 de maio, reproducidas no apartado de novas na páxina web da Xunta, no que confirma a presentación deste novo ente “nas vindeiras semanas”.

A pesar da proximidade referida polo presidente da Xunta, esta organización sindical non ten recibido información concreta sobre a reorganización que previsiblemente implicará a plena entrada en funcionamento desta axencia. Así pois, con data do 31 de maio vimos de solicitar que se realice unha xuntanza para informar sobre os plans de reorganización para a plena entrada en funcionamento da Axencia de Turismo de Galicia e, nomeadamente, sobre como afectará ao persoal actualmente adscrito á Secretaría Xeral para o Turismo e outros entes autonómicos con competencias turísticas.