Tras diversos ecos na prensa, achéganos a Dirección Xeral de Tributos o documento que oficiosamente levaba circulando entre o persoal da consellaría varios meses. Tendo en conta isto, a CIG-Autonómica solicitou, xa a mediados de marzo, unha xuntanza para coñecer de man da Administración os plans de reorganización para a plena entrada en funcionamento desta axencia e seus os efectos sobre o persoal da consellaría de Facenda.

A Dirección Xeral de Tributos pretende tramitalo como unha disposición de carácter xeral "corrente", outorgándonos un prazo de 10 días hábiles para achegar suxestións, se ben nos convoca a unha xuntanza "aclaratoria" para o mércores, 6 de xuño. A CIG solicitará, dado que contén materias que afectan aos empregadas e empregados públicos, que se negocie nunha Mesa Xeral.

A creación desta nova axencia está prevista no artigo 10 da lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG do 30/12/2010). Tras pasar un ano enteiro sen novidade, e xa no 2012, comezou a saír a flote tralas declaracións no Parlamento do presidente da Xunta que pretende aumentar "maxicamente" a recadación sen aumentar a presión impositiva.

Descarga o documento