Mentres non hai cartos para os centros públicos de servizos sociais, a consellaría de Traballo e Benestar si os ten para conveniar estes servizos con entidades privadas de carácter relixioso. Fonte: relación de convenios da Consellaría de Traballo e Benestar subscritos no primeiro cuatrimestre do ano. DOG 01/06/2012.

A consellaría de Traballo e Benestar está aplicando unha política de amortizacións de postos de traballo que en época de restricións orzamentarias se vende facilmente. Tras isto veñen os peches de centros públicos e a derivación das persoas usuarias destes servizos cara centros privados. Porén, non nos esquezamos esta derivación non é gratuíta, máis ben todo o contrario.

Na relación de convenios da Consellaría de Traballo e Benestar subscritos no primeiro cuatrimestre do ano feita publica no DOG do 1 de xuño, chaman a atención dous pola súa contía, a súa finalidade e os seus destinatarios. A entidade Esclavas de la Virgen Dolorosa-Crecente recibe 1.038.441,60€ para contribuír ao mantemento do servizo que presta a través do Centro Residencial Asistencial Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey. A entidade Asociación Galega San Francisco (Agasfra) obtén 2.082.955,32€ para contribuír ao mantemento dos servizos que presta a través dos seus centros de atención a persoas con discapacidade da súa titularidade.

Do outro lado deste financiamento dos servizos sociais atopamos, este ano, o peche do centro de menores de Montealegre (Ourense) e o centro de menores de Soutomaior (Ferrol). Por outra banda, e precisamente en temas de atención de persoas con discapacidades, o ano pasado a consellaría de Traballo e Benestar eliminou o centro atención especializada do Santiago Apóstolo e privatizou o centro Souto de Leixa (Ferrol) que acabou en mans de CLECE (empresa do grupo de Florentino Pérez).

Desde a CIG-Autonómica defendemos uns servizos sociais públicos e de calidade. E denunciamos que estes movementos non obedecen a unha cuestión exclusivamente orzamentaria senón a un concepto diferente dos servizos sociais por parte da Xunta de Galiza. Para o goberno que preside o Sr. Feijóo os servizos socias parecen ser entendidos como un exercicio de "beneficencia" ou "auxilio social" cando non resulta viable a fórmula do negocio para empresas privadas.

Nota remitida aos medios