Dentro da campaña "Polo futuro dos centros de Traballo e Benestar", o comité de empresa da Consellería de Traballo e Benestar en Lugo acordou convocar unha volta á Muralla de Lugo o día 15 de xuño ás 10.30 horas. O percorrido partirá desde o edificio administrativo da Xunta en Lugo e saída dirección á Porta da Estación, Porta de San Pedro, e continuará pola ronda ata rematar de novo no edificio administrativo da Xunta.

Con esta marcha quérese denunciar ese retrouso de que non hai diñeiro para os servizos públicos e por iso hai que seguir amortizando postos e pechando centros. Para o goberno que preside o Sr. Feijóo os servizos socias parecen ser entendidos como un exercicio de "beneficencia" ou "auxilio social" cando non resulta viable a fórmula do negocio para empresas privadas.  Mentres, séguese sen esixir responsabilidades, e mesmo se axuda, ás persoas e entidades financeiras causantes da crise. Curiosa política a de penalizar ás vítimas e axudar aos verdugos.