A CIG demanda unha entrevista á conselleira de Medio Rural e do Mar para que explique por qué se está a preparar un contrato para contratar helicópteros e persoal de incendios mentres a Xunta dispón de persoal propio altamente cualificado.

A CIG-Autonómica ten coñecemento de que a Consellaría do Medio Rural e do Mar pretende privatizar as brigadas helitransportadas do Servizo de Prevención Defensa Contra Incendios forestais (SPDCIF). En concreto, esta consellaría prepara un contrato para que unha UTE, formada por NATUTECNIA e INAER, se faga cargo do servizo ata o de agora prestado polas brigadas helitransportadas do SPDCIF.

Este contrato abranguería non só o alugueiro dos medios técnicos, neste caso os helicópteros que aportaría INAER, senón a dotación de persoal que prestaría o servizo neles e que achegaría NATUTECNIA. Temos tamén constancia de que a duración do contrato sería de 3 anos fronte aos 4 demandados por estas empresas.

Dende a CIG manifestamos o noso rexeitamento a este proceder:

  • Por unha banda a neglixencia que supón, prescindir dun persoal cualificado como é o que presta servizo nas brigadas helitransportadas, que son unha peza clave do dispositivo antiincendios, o cal vai supoñer un perigo evidente para o verán que se aproxima.

  • Por outra banda é escandaloso a entrega de cartos a empresas privadas para que fagan o que se viña facendo dende un servizo público, cuxo gasto supón un sobrecusto para unha cidadanía exhausta xa de apertarse o cinto en favor de rescates bancarios e contratos a dedo.

  • E finalmente, non se entende como dun contrato que aínda non se publicou xa se coñezan os adxudicatarios, violando así o principio de igualdade.

Para a CIG sería escandaloso, e unha conduta delituosa, que finalmente saíra adxudicado este contrato a estas empresas, máxime cando aínda antes da publicación xa existe constancia disto. Por todo isto, vimos de solicitar unha entrevista coa conselleira de Medio Rural e Mar para que nos de conta das intencións da consellaría.

Nota remitida aos medios