O 6 de xuño celebrouse unha xuntanza co director xeral de Tributos para presentarnos os estatutos da Axencia Tributaria Galega. Nesta nova axencia se integrará, principalmente, o persoal da actual Dirección Xeral de Tributos e a metade do persoal dos cinco departamentos territoriais existentes.

A grande novidade consiste no rescate da xestión de varios impostos (sucesións e transmisións, entre outros) por parte da Xunta de Galiza. Estes impostos estaban sendo xestionados actualmente polos Rexistros da Propiedade a través dunha encomenda de xestión que ascendía a nove millóns de euros. Está previsto que estes rexistros só teñan a competencia de recepción de documentación e a totalidade destes impostos sexan tramitados entre os departamentos territoriais e os Servizos Centrais da Xunta.

Con este obxecto crearanse dous novos departamentos nas cidades de Compostela e Ferrol. Isto suporá o incremento de 45 ou 50 postos que se crearían principalmente nestes dous novos departamentos.

Está prevista a creación dunha nova escala do subgrupo C1 para asumir este rescate de competencias, equivalente ao corpo de axentes da Axencia Tributaria Estatal. A forma de provisión desta escala farase mediante integracións voluntarias, promoción interna dende o subgrupo C2 e, só no caso de que sigan existindo vacantes, convocaríase mediante oferta de emprego público.

Asegura que todos os postos van estar cubertos só por persoal funcionario, agás os que están cubertos actualmente (moi poucos) por persoal laboral. Non vai haber, segundo a pretensión inicial, persoal directivo excepto a persoa que ocupe a Dirección Xeral.

En vindeiras reunións aclararán moitos dos puntos que aínda están no aire, entre eles o traspaso concreto de persoal á esta axencia, que se plasmará na negociación da RPT.

A CIG-Autonómica presentará alegacións por escrito.