Lei de medidas no emprego público, recortes nos servizos públicos e porén a Xunta mantén inalterable as partidas orzamentarias para subvencións aos medios de comunicación.

No DOG do 08/06/2012 publícouse a resolución da Secretaría Xeral de Medios que convoca axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión para o ano 2012. Desta resolución coñécese a cantidade destinada para tal fin  posto que as bases foran xa publicadas con anterioridade no DOG do 23/05/2012. Comparativamente co ano 2011, tamén dos datos sacados do DOG, obsérvase que a cantidade destinada non varía: 1.720.035€.

Entre os criterios para recibir estas axudas, observamos que o principal é o número de persoas lectoras, ouvintes ou visitantes (no caso de medios electrónicos). Xa que logo, foméntase públicamente o "status quo" do actual escenario informativo, no que os grandes grupos volverán a arrasar levándose cartos das arcas públicas; algún dos cales é xa de sobra coñecido pola súa teima nos ataques á dignidade do colectivo das traballadoras e traballadores públicos e a súa desaforada defensa das políticas da Xunta de Galiza.

Ao marxe das axudas que se establecen a través desta resolución, hai que ter en conta a cantidade de diñeiro de díficil control e seguimento que supón a publicidade institucional que contratan as diferentes consellarías: anuncios e campañas que teñen pouco de informativas e moito de botarse flores sobre as políticas desenvoltas.

Dentro do actual panorama económico, e particularmente dentro da Administración galega, ás empregadas e empregados públicos resúltalle incomprensíbel que se recorte en servizos públicos esenciais e nos seus propios dereitos para manter outros gastos superflúos como a subvención aos medios privados.

Durante as mobilizacións contra a Lei de medidas, e froito das asembleas, propúxose un proxecto de lei de contramedidas; entre elas estaba acabar coa prensa subvencionada. Esta medida non só suporía un evidente aforro, senón un acto saludábel na liberdade de prensa e na contribución a facer do xornalismo en Galiza unha feramenta para a información obxectiva e veraz, non sometida a presióńs políticas que compran portadas cos cartos (e os recortes) de todas e todos.