“A situación é complexa, por agora non é o momento idóneo para facer convocatorias”

Na xuntanza de hoxe coa Función Pública trasladáronnos bastantes novidades. A verdade é que, entre a escasa vontade negociadora e os continuos recortes en forma de menos dereitos laborais, non pinta moi ben a cousa. Pasamos a continuación a resumir, punto por punto, o máis importante do que se nos comunicou ás organizacións sindicais:

 - Cronograma: logo de agardar en períodos de 15 días durante meses, hoxe informáronnos de que non vai haber cronograma. Di Función Pública que podería sacar algunhas ofertas e outras non, sobre todo, bótanlle a culpa á coxuntura actual. O caso é que, de momento, non vai haber data para as ofertas de emprego público pendentes de convocar.

- Horario de verán. Non hai moito tempo para poder negociar nada, aínda así mandaremos alegacións pedindo que se amplíe a todo o horario escolar e que se recolla, dun xeito ou doutro, para todo o persoal da Xunta. A semana que vén prevén aprobalo. De momento está previsto para xullo e agosto.

- Concursos de traslados pendentes (persoal funcionario). A partir de setembro pretenden ir impulsando o resto de corpos específicos e escalas, tamén o dos corpos xerais. Os de estatísticos, gardacostas e de consumo vanse aprobar a semana que vén.

- Laborais Grupo V pendentes de tomar posesión. Agás os de incendios (que ficarán para setembro) tomarán posesión na última semana de xuño.

- 24 e 31 de decembro. En vindeiras datas pretenden seguir coa negociación das Instrucións de Vacacións, Permisos e Licenzas. Pretenden abordar esta cuestión neste ámbito e que se chegue a un acordo satisfactorio, veremos…

- Pladiga. En breve, esta semana din, van enviar unha previsión.

- Concurso Veterinarios. Elección de destino en xuño (os que están en provisional) e toma de posesión simultánea cos do concurso en setembro.

- Promotores de emprego. Hai un compromiso público, por parte de Función Pública, de recibir a quen sexa (traballador/a ou sindicato) por este motivo. A CIG xa solicitou unha xuntanza urxente na que pretendemos achegarlle alternativas para que non se bote a estes compañeiros e compañeiras á rúa. Tamén lle lembramos que, dende abril, xa se tiña solicitado anteriormente unha xuntanza coa conselleira de Traballo e non nos recibiu.

 - A2 Informática. Non teñen intención de repetir o terceiro exame e insisten en que non houbo irregularidades e que a resolución desta proba así o amosa.