O martes 12 de xuño de 2012 realizouse a primeira xuntanza para tratar as bases do concurso de traslado de axentes de extensión pesqueira e do Servizo de Gardacostas.

Como cuestións previas, desde a CIG demandamos da Administración a valoración sobre unha recente sentenza do Xulgado do contencioso nº 3 de Pontevedra, que nos obiter dicta inclúe consideracións sobre o dereito a participar no concurso de traslados do persoal funcionario do Servizo de Gardacostas que está en destino provisional.

Desde a Administración indicáronnos que son plenamente coñecedores desta sentenza e que, consultada a Asesoría Xeral da Xunta, optouse por seguir o criterio habitual de non permitir participar ao persoal en destino provisional, xa que ao seu entender incrementaría as posibilidades de que prospere unha hipotética demanda contra a convocatoria do concurso. Entre outras distorsións, a Administración considera que un argumento de peso é que, de permitir a participación dos que están en destino provisional desvirtuaríase a prelación de aprobados no correspondente proceso selectivo, xa que a orde de escolla iría necesariamente en función dos criterios establecidos nas bases deste concurso e non segundo as do dito proceso selectivo orixinario.

Tamén como cuestión previa, desde a CIG advertimos á Administración que estaremos vixiantes ante hipotéticos casos de aprobacións de comisións de servizos para provisionar postos de libre designación inmediatamente posteriores á resolución do concurso. A Administración asegurou que se evitarán tales situacións, xa que serán controladas desde a propia Dirección Xeral da Función Pública (a Subdirección de Xestión e Ordenación de Persoal).

Relativamente ao no articulado das bases, desde a CIG trasladamos as alegacións recollidas no documento anexo, incidindo entre outras cuestións na convenciencia de incrementar o peso relativo da antigüidade, e de reducir a diferencia na valoración do tempo traballado en función do subgrupo de pertenza. Tamén demandamos unha revisión do peso da formación.

Nomeadamente, desde a CIG consideramos excesivo que co texto proposto se necesiten 36 anos e medio para alcanzar o tope de puntuación por antigüidade, cando a existencia destas escalas na Xunta data de mediados da década de 1980. Por parte da Administración indícannos que están obrigados a tomar como referencia a máxima antigüidade teórica que puider ter calquera concursante, o que os obrigaría a considerar os 36 anos e medio. Ao mesmo tempo, indícannos que a normativa europea e repetidas sentenzas de tribunais superiores obrigan a non discriminar na valoración da antigüidade, independemente da Administración na que se cumpra.

Desde a CIG aludiuse tamén á conveniencia de ampliar os supostos de feito que son tidos en conta para os efectos de sumar puntuación por conciliación (a Base III.3.3.1 só contempla a circunstancia de que o cónxuxe ou parella de feito teña destino como empregado público na localidade solicitada). Tamén se demandou a ampliación do prazo de renuncia á participación no concurso.

Relativamente á Base II.2. obre os postos ofertados fase de resultas, desde a CIG manifestamos o noso descoardo coa previsión de que só oferten na dita fase os postos que sexan "de necesaria cobertura".

A Administración manifestou que teñen intención de engadir esa condicionalidade nas fases de resultas a partir de agora, como xa se estaría facendo no Estado e noutras Administracións, segundo se nos informou.

Con esa coletilla, a Administración podería retirar postos que resultasen liberados da primeira fase, sen ofrecelos na de resultas. Ao non se conter ningunha regulamentación que o desenvolva, desde a CIG consideramos que se podería traer consecuencias indesexables.

Na xuntanza, suscitouse así mesmo a conveniencia de concretar o criterio, tendo en conta as particularidades da combinación da integración en escalas e mantemento de destinos de orixe (vid. DOG nº 149 de 06/10/2006).

Descarga as alegacións presentadas pola CIG o 12/06/2012

Descarga a proposta de Bases de convocatoria de concurso de gardacostas e ext. pesqueira achegadas pola Administración