12-06-15 Ronda MurallaO Comité de empresa rexeita a amortización de postos, o recorte de dereitos e o progresivo desmantelamento das instalacións e os servizos públicos.

Dentro da campaña "Polo futuro dos centros de Traballo e Benestar", o comité de empresa da Consellería de Traballo e Benestar en Lugo realizou unha volta á Muralla de Lugo o venres, 15 de xuño, na que participaron arredor de 200 persoas. O percorrido, que se iniciou por volta das 10:30 horas da mañá, partiu desde o edificio administrativo da Xunta, dirección á Porta da Estación, Porta de San Pedro, continuando pola ronda até rematar de novo no edificio da Xunta.

Con esta marcha quérese denunciar o reiterado discurso utilizado polo goberno galego de que “non hai diñeiro” para os servizos públicos e por iso hai que seguir amortizando postos e pechando centros. Coa protesta, explica Manuel Facorro, presidente do Comité de Lugo, o persoal quere reivindicar a supresión dos recortes nos dereitos dos/as traballadores/as; o dereito a conciliar a vida laboral e familiar mediante as compensacións adicionais por traballar en domingos e festivos;  e supresión “da escravitude a que está a someter a consellería ao persoal mediante as prolongación de xornada e a falla de contratacións de substitución”.

Neste senso, o presidente do Comité subliñou que censo provincial da Consellería non supera nestes momentos os 600 efectivos, cando hai un ano situábase nos 800 traballadores/as.

Durante a mobilización denunciouse tamén que para o goberno da Xunta os servizos socias parecen ser entendidos como un exercicio de "beneficencia" ou "auxilio social" cando non resulta viábel a fórmula do negocio para empresas privadas.  “Mentres, séguese sen esixir responsabilidades, e mesmo se axuda, ás persoas e entidades financeiras causantes da crise. Curiosa política a de penalizar ás vítimas e axudar aos verdugos”, censuraron.

A mobilización deste venres forma parte do calendario de protestas que o persoal vén realizando nos últimos meses contra a política de amortizacións de postos de traballo e peche de centros públicos practicada pola Consellaría de Traballo e Benestar.

A vindeira acción, convocada polo Comité Intercentros, terá lugar o día 21 de xuño no edificio administrativo de San Caetano en Compostela, na que se fará unha cadea humana en protesta polos recortes.