O pasado 1 de xuño dende a CIG-Autonómica criticabamos a demagoxia do PP na proposta de conselación salarial das/os empregadas/os públicos a raíz dunhas delcaracións da Conselleira de Facenda, Marta Fernández.

Hoxe, día 10 de xuño, vimos de recibir unha convocatoria na que a propia Consellaría introduce unha proposta de acordo retributivo para os novos e austeros xefes territoriais da nova Xunta de Galiza consistente nun incremento retributivo de 210 euros mensuais baseada en que ditos postos “conlevan unha especial dificultade técnica, dedicación e responsabilidade cómpre determinar un incremento das retribucións asignadas que comporten a modificación do seu complemento específico”. Se facemos contas rapidamente podemos saber que este incremento lle vai a costar en torno aos 150.000 euros/ano aos contribuíntes o que queda moi lonxe da tan prometida austeridade do Goberno do señor Núñez Feijoo.

Non podemos quedarnos calados sen denunciar a hipocresía e bipolaridade da Conselleira ao falar de incrementar o salario a quen cobra máis de 40.000 euros/ano e, á súa vez, de conxelar os salarios do resto das traballadoras e traballadores públicos.

Condenamos novamente a baixeza moral que supón tomar tal tipo de medidas retributivas e gustaríanos poñer en coñecemento da opinión pública o caso extremo e vergoñento salarialmente do persoal que ten contrato de 2 horas ao día e que recibe unhas retribucións de 3.700 euros/ano (uns 270 euros/mes) onde o incremento que se propón para as Xefas e Xefes Territoriais prácticamente iguala o salario mensual dun traballador/a.

Dende a CIG-Autonómica negámonos a que o persoal da Xunta de Galiza teña que renunciar aos seus dereitos retributivos para que uns previlexiados/as vexan substancialmente aumentada a súa nómina co que invitamos á Conselleira a que retire esta proposta ou a faga estensíbel a todo o persoal da Xunta de Galiza e cumpra, deste xeito, o seu programa electoral,  non so cos xefas/es territoriais da Xunta, senón con todo o persoal da Xunta.