A Xunta de Persoal dos Servizos Centrais, reunida en Comisión Permanente, acordou apoiar á mobilización do día 21 de xuño convocada polo Comité Intercentros para facer unha cadea humana a redor de San Caetano como protesta contra os recortes na Xunta de Galiza. Do mesmo xeito, ofreceu a súa colaboración a este comité para traballar no éxito da súa realización.

A Xunta de Persoal, no seu comunicado, fai un chamamento ao persoal funcionario de servizos centrais para que participe neste acto de protesta que consistirá na constitución dunha cadea humana que arrodeará San Caetano, entre as 10,30 e ata as 12,00 horas. A protesta coincidirá coa celebración no Tribunal Superior de Xustiza do xuízo de conflito colectivo contra a aplicación da Lei de medidas no emprego público.

O conflito colectivo é a ferramenta legal que ten neste momento para defenderse o persoal laboral, instrumento que se lles nega ao persoal funcionario polo seu vínculo xurídico de natureza administrativa. De aí que o obxectivo fundamental sexa que se suscite unha cuestión de constitucionalidade que derive na declaración de inconstitucionalidade de varios preceptos da lei e polo tanto que cuestione os obxectivos e mesmo a exposición de motivos da lei de medidas, polo que se debería derrogar na súa totalidade, abranguendo tamén ao persoal funcionario

Tal e como establece a convocatoria, protestarase contra as amortizacións de postos de traballo nas distintas consellarías, contra as privatizacións dos servizos públicos e o peche de centros e contra as consecuencias da Lei de medidas no emprego público. A xunta de persoal, no seu comunicado, considera como antisociais estas medidas e manifesta o seu máis profundo rexeitamento.

Por último, desde a Xunta de Persoal expresan a súa solidariedade e apoio aos diferentes movementos de empregadas e empregados públicos que están a levantar a voz, defendendo os servizos públicos e a súa dignidade así como a necesidade da súa figura para superar esta crise entre todos, sen deixar a ninguén atrás.

Outros pronunciamentos

Outros pronunciamentos similares se teñen lanzado desde as distintas xuntas de persoal en apoio ás mobilizacións dos comités de empresa da Xunta contra os recortes que están a recrudecer a súa incidencia sobre o persoal laboral.