Esta axencia vai comezar a funcionar en breve segundo declaracións do propio presidente da Xunta. A CIG solicitou información sobre a posta en marcha e ante a sorpredente resposta da Secretaría Xeral para o Turismo, demanda o inicio do proceso negociador do decreto de creación e estatutos. ÚLTIMA HORA: convocatoria de Función Pública

O 7 de xuño a Secretaría Xeral para o Turismo mandou, en resposta ao noso escrito de solicitude de información, un correo electrónico sen asinar no que se informaba de que xa se mantiveron reunións cos representantes dos sindicatos dos organismos afectados pola reestruturación. Por outra banda, tamén se nos da traslado do comunicacado nesa ocasión por parte do director xeral de Función Pública e do director xeral da Avaliación da Reforma Administrativa: despois da aprobación dos estatutos é cando se comezará a traballar en materia de persoal.

Desde a CIG-Autonómica consideramos que, independentemente das xuntanzas previas que mantiveran cos representantes dos traballadores dos entes afectados, a Administración ten a obriga de abrir un ámbito de negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galiza, xa que ademais do persoal afectado antes citado tamén o está o persoal funcionario e laboral da Xunta de Galiza que presta servizos na Secretaría Xeral para o Turismo e nas xefaturas territoriais.

O Estatuto Básico do empregado público establece como materia de negociación as cuestións que afecten ás condicións de traballo dos empregados públicos, que independentemente da potestade autoorganizativa da Administración, que non cuestionamos, van verse afectadas substancialmente. No mesmo sentido a Lei 16/2010 fai referencia ao EBEP establecendo a obriga de negociar as normas estatutarias cando afecten aos contidos suxeitos a negociación establecidos no EBEP coas organizacións sindicais representativas no ámbito da función pública.

É ademais cultura desta Administración someter á consideración das OOSS representativas os Estatutos e normas de creación das entidades instrumentais, especialmente das entidades públicas instrumentais, como se ven facendo coas distintas Axencias e Organismos Autónomos creados recentemente, como a Axencia Galega de Innovación, a Axencia de Infraestruturas, o Instituto de Estudos do Territorio, etc, e máis tendo en conta que o Consello Consultivo require para o seu ditame as actas das negociacións previas.

Tendo en conta o anterior, a CIG-Autonómica presentou un novo escrito o 18/06/2012 no que insiste en que se realice a dita xuntanza sobre as materias que afectan aos empregados públicos contidas nos borrador de proxecto dos Estatutos e sobre os plans de reorganización para a plena entrada en funcionamento da Axencia de Turismo de Galicia e, nomeadamente, sobre como afectará ao persoal actualmente adscrito á Secretaría Xeral para o Turismo. Este requerimento foi feito de novo á Secretaría Xeral para o Turismo e ante a Dirección Xeral da Función Pública e a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa.