Nunha xuntanza previa á Comisión de Persoal, a Consellaría de Facenda comunicou que o período do horario de verán abranguerá finalmente do 1 de xullo ao 14 de setembro.

A CIG foi a única organización sindical que presentou alegacións ao proxecto de orde. A Administración tivo hoxe unha xuntanza con aire conciliador, de entrada, pero deixando caer, por outra banda, unha actitude de certo calado perdoa vidas que non nos gusta. Se a conciliación familiar, obxectivo principal deste horario reducido que coincide coas vacacións escolares, é tan importante para a Xunta, tal e como explicaron hoxe, non se entende que haxa dúas semanas de menos que os anos anteriores na que non se aplique o horario reducido, esta última semana do mes de xuño.

Dende a CIG expúxoselle á Administración que non nos gustaron nin a campaña da Voz de Galicia por este asunto, nin as declaracións de Feijóo, logo do Consello da Xunta do xoves pasado, indicando que nos ían dar un premio porque baixou o absentismo laboral na Xunta.

Lembramos o indicado nas nosas alegacións, que se amplíe a todo o persoal da Xunta e que se compense a quen non o poida gozar, así mesmo que abranga todo o período de vacacións escolares, xa que ese é o obxectivo deste horario reducido, e tamén que se plasme na normativa de xeito permanente para non ter que negocialo cada ano, cousa que nos parece absurda.

No programa Kronos (o programa de control horario) estivo indicando un horario reducido a partir deste xoves, pero parece ser que foi un erro. Ao mellor é que non acabamos de entender o sentido do humor da Xunta de Galiza. Comprometéronse a amañalo.