Tras moito insitir, o director xeral de Función Pública convócanos para o vindeiro martes, 26 de xuño, xunto cos promotores de emprego contratados segundo o Real decreto-lei 13/2010 e RDL 1/2011 para tratar alternativas que permitan a continuidade do seu traballo até finais de ano. Ademais, a CIG solicitou na Mesa Xeral do 22 de xuño unha xuntanza de todas as OOSS coa SX de Traballo, cousa á que se negaron.

Cómpre recordar que na Lei de orzamentos estatal establece a posibilidade de que estes contratos rematen o 30 de xuño (6 meses antes do previsto). Porén tamén se estabelece que os créditos correspondentes distribuiranse territorialmente entre as ditas administracións, de conformidade co estabelecido na normativa estatal. De feito xa son varias as comunidades autónomas (Cantabria, Estremadura e Aragón) que anunciaron que ían manter estes contratos.

Desde a CIG, opoñémonos aos despedimentos no servizo público de emprego e sinalamos que as contratacións, e a súa duración, foron acordadas nas mesas de negociación da Xunta de Galiza; por iso, demandamos que  se manteñan os acordos acadados. Propoñemos como solución que parte dos "creditos distribuídos territorialmente" dos que se fala na Lei de Orzamentos se destinen para manter estes contratos como xa fixeron, curiosamente, outras comunidades gobernadas polo PP.